SEGURIDADE CIDADÁ
Unha empresa especializada fará unha avaliación polo miúdo das árbores das prazas de España e Ravella, a Alameda e o parque da Compostela O Concello contratará a unha empresa especializada en arboricultura e poda en altura para facer unha avaliación polo miúdo das árbores das prazas de España e Ravella, da Alameda e do parque da Praia Compostela. Á vista desa análise se decidirá que exemplares poden ser recuperados e cales, lamentablemente, terán que ser retirados á vista do perigo que entraña para os viandantes e mesmo o mobiliario urbano. Por suposto, todas as árbores que teñan que ser retiradas serán substituídas por novos exemplares que non terán por que ser da mesma especie se así o recomendan os técnicos para evitar no futuro os problemas que se detectan na actualidade.
11.10.2021. Na mañá de hoxe, unha técnica de Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación, visitou a cidade na compaña da portavoz do goberno Tania García, o concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González Araújo, e a responsable do servizo de Xardíns do Concello. Trala visita á praza de España puido comprobarse o acerto da decisión do Concello de pechar, xa a semana pasada, a zona axardinada, tendo en conta o mal estado de varios exemplares. Despois, fíxose un repaso ao estado do xardín de Ravella, onde hai poucos meses houbo que intervir sobre algúns exemplares de plátanos para garantir con cinchas e tensores que algunhas polas non se veñan abaixo, ameazando con iso a seguridade das moitas persoas que cada día pasan por esa zona verde. Hoxe, de feito, acordouse valar un dos exemplares máis antigos e máis grandes, que preside a entrada do xardín dende a praza do Concello.
Tendo en conta a antigüidade destes exemplares, similar á que teñen, nalgúns casos, os da Alameda e os do parque da praia da Compostela, trala visita da técnica do Areeiro e seguindo as súas recomendacións, o goberno local decidiu contratar a unha empresa especializada en arboricultura e poda en altura para que faga un estudio pormenorizado de cada unha desas áreas verdes e, á súa vista, tomar as decisións que correspondan.
Mentres tanto, o xardín da praza de España permanecerá pechado e continuará valado o plátano de Ravella, con independencia de que aquí á elaboración do informe poidan xurdir novas restricións de acceso para garantir a seguridade. O concello, por iso, pide á veciñanza que respecte as zonas delimitadas: unha parte importante das árbores está oca por dentro ou presenta diversos problemas fitopatolóxicos que os fan inestables e, polo tanto, son un risco potencial de accidentes.