CULTURA
Cultura felicita aos vilagarciáns Joel Padín e Nano Suárez “Xackal” polas súas nominacións aos Premios Martín Códax A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía fai pública a súa felicitación aos dous músicos vilagarciáns cuxos proxectos foron elixidos finalistas nos Premios Martín Códax da Música.O mozo Joel Padín opta ao premio do apartado folk polo seu primeiro disco “Aughas Mortas”, cuxa produción correu da man do Concello de Vilagarcía, mentres que Nano Suárez, coñecido artisticamente como Xackal, é candidato na categoría de música electrónica por “Bagoah”.
07.10.2021.- A concelleira de Cultura, Sonia Outón, amosou a súa satisfacción ao coñecer o fallo do xurado dos Premios Martín Códax, destacando que os traballos dos vilagarciáns foron seleccionados entre un total de 441 proxectos musicais. “Isto demostra que en Vilagarcía temos grandes artistas en todas as ramas do espectro musical, froito dunha longa tradición e do dinamismo cultural que existe no noso municipio; algo que sempre dicimos dende o Concello e polo que apostamos apoiando e promovendo calquera proxecto musical e cultural local, pero que agora terá maior repercusión ao ser recoñecido tamén externamente nuns premios desta categoría”, apuntou a concelleira.
Outón desexoulles moita sorte na fase final deste certame e engadiu que “ser finalistas xa é todo un éxito para estes xóvenes músicos que teñen un prometedor futuro e aos que lles auguro moitos máis éxitos”.
Un mozo de Bamio de 16 anos Joel Padín é un mozo de 16 anos que dende os 6 está vinculado á música tradicional e que aos 11 gañou un concurso televisivo de pequenos talentos. O seu primeiro disco “Aughas Mortas” editouno o ano pasado coa produción do Concello de Vilagarcía, “que xa víamos o potencial que tiña este mozo”, segundo lembrou Sonia Outón. Este traballo componse de trece pezas tradicionais, recollidas en varios puntos de Galicia por Carlos Rey, outro vilagarcián que se dedica á recuperación da música popular tradicional. Joel fai gala neste disco da súa creatividade, dando un estilo propio aos temas populares, e da súa excelente voz, aspecto que foi altamente valorado polo xurado dos Martín Códax.
Música de amplo espectro con referencias pictóricas
Xackal é Nano Suárez, o vilagarcián que tras pasar uns anos en Madrid, presenta “Bagoah”, un traballo que nos leva dende o synthpop máis ambiental ata a folktrónica, con claros recursos tomados do rock progresivo ou o world music, a través de ritmos tribais e facendo bandeira da modernidade partindo do máis arcaico. Xackal é unha viaxe cultural a disfrutar con todos os sentidos, no que a estética, inspirada na obra pictórica de artistas como Cezzane ou Kandinsdky, cobra un protagonismo absoluto, unindo imaxe e son cunha naturalidade abrupta.