CONCELLO
O acordo para a liberalización da fachada marítima no Ramal abórdase no Pleno de setembro Tal e como xa anunciara o alcalde, Alberto Varela, durante a presentación pública do acordo acadado entre o Concello de Vilagarcía e a Autoridade Portuaria para a liberalización do peirao do Ramal e as zonas anexas, o asunto será tratado no Pleno ordinario do mes de setembro, a celebrar o vindeiro xoves, 30. Será, a través do expediente de modificación de crédito proposto polo goberno local para materializar parte do acordo: o relativo á compra da parcela situada entre as naves do muelle e a rotonda do Ramal. Trátase dunha superficie de 6.830 metros cadrados de superficie pola que o Concello pagará ao Porto 1.886.120 euros que se financiarán cos remanentes do orzamento de 2020 que, como xa se dixera, superaban os 3,4 millóns de euros.
22.09.2021.- A maiores da compra da parcela que permitirá crear un corredor verde para unir o parque Miguel Hernández coa praia da Concha e o Paseo Marítimo sen ningún tipo de obstáculo e interferencia entre a cidade e o mar, o acordo ao que chegaron o Concello de Vilagarcía e a Autoridade Portuaria inclúe outro importante aspecto: a liberalización para uso público de todo o peirao do Ramal, una das reivindicacións históricas de Vilagarcía para recuperar este privilexiado e estratéxico tramo da fachada litoral encardinada no entramado urbano e poder continuar abrindo Vilagarcía ao mar.
A maiores, o Concello logra que a Autoridade Portuaria lle ceda o uso de 11.500 metros cadrados de superficie do peirao, xa que a restante será utilizada polo Porto para construír a estación marítima e o centro de recepción de pasaxeiros de cruceiros turísticos, un proxecto que tamén repercutirá de forma positiva no sector turístico e na economía local da cidade.
Ao compartir o uso do peirao, Concello e Porto repartiranse os gastos de demolición das nave. Assimesmo, coordinarán e consensuarán a forma que se lle dará no futuro á gran zona de esparexemento na que se converterá o peirao do Ramal, de xeito que ofreza unha imaxe atractiva e harmoniosa, acorde co entorno privilexiado no que se atopa, e que serva de carta de presentación da cidade.
O novo centro de saúde na Comandancia
O do Ramal é a segunda parte do pacto que veñen de pechar o Concello e Autoridade Portuaria tras varios meses de negociacións. O primeiro é o que permitirá a construción do novo centro de saúde no antigo edificio da Comandancia de Mariña, e do que forma parte tamén a Xunta de Galicia. Segundo o acordo, o Concello compra por 1.157.406 euros o solar de case 5.000 metros cadrados para poñelo a disposición da Consellería de Sanidade, que se compromete a construír o novo centro de saúde que Vilagarcía demanda e necesita dende hai décadas.
Esta operación precisa unha tramitación máis longa que o do Ramal, xa que o Porto ten desafectar os terreos, para o cal serán necesarios informes e autorización do Ministerio. Ata que non se faga efectiva a desafectación, o Concello non terá que abonar o importe da compra. Entremedias, a administración local xestionará a parcela a modo de concesión administrativa do Porto a cambio dun canon anual.
Beneficios para o conxunto de Vilagarcía
A consecución destes dous acordos, que o rexedor cualificou como “históricos e transcendentais para Vilagarcía”, chega despois de seis meses de intensas negociacións nas que, tanto o Concello como o Porto, tiveron que ceder respecto as súas posicións iniciais. Segundo explicou o alcalde, “sempre atendendo ao interese xeral, atopamos un punto de encontro no que todos saímos gañando, especialmente Vilagarcía e os vilagarciáns”.
No acto no que se fixo público o pacto sobre o Ramal, o presidente do Porto, José Manuel Cores Tourís afondou na idea exposta polo alcalde ao expoñer que “o que é bo para o Porto de Vilagarcía é bo para o Concello e viceversa e, polo tanto, tamén para Vilagarcía e para a comarca na que se asentan moitas das empresas que traballan directa ou indirectamente coa rada”.