CONCELLO
As librerías da cidade tamén estarán presentes en “Vilagarcía, Cidade de Libro” O evento “Vilagarcía, Cidade de Libro” promovido polo Concello de Vilagarcía segue sumando activos. Neste caso ás catro librerías existentes no municipio xa manifestaron a súa intención de participar, ao igual que as editoriais Galaxia, unha das máis importantes e representativas do sector editorial de Galicia, e Silveira. Coa súa inclusión, o Concello de Vilagarcía pretende aproveitar tamén o evento literario para que os pequenos negocios do libro da cidade teñan un espazo no que promocionarse e incentivar as ventas, aproveitando o tirón da presenza dos grandes escritores nacionais e galegos que participarán nas actividades a realizar ao longo da vindeira semana.
15.06.2021.- As librerías participantes son Nobel, Follas Novas, Vidal e Metrópolis Comic. Todas elas contarán cun stand facilitado polo Concello para que poidan expoñer e vender a súa oferta de libros na Praza da II República, epicentro das actividades a desenvolver durante o “Vilagarcía, Cidade de Libro”. Tamén disporán de cadansúa caseta as editoriais Galaxia e Silveira.
Como xa de comentou na presentación do evento, “Vilagarcía, Cidade de Libro” contará cun cartel composto por 18 recoñecidos escritores do ámbito nacional, galego e local. Grandes firmas da talla de Jorge Molist, María, Oruña, Idelfonso Falcones, e Domingo Villar; xunto con autores números un nas lista de ventas, como Manuel Loureiro, Nacho Carretero e Pedro Feijoo; e outros tan recoñecidos como Marilar Aleixandre, Ledicia Costas, Nieves Abarca ou Paula Carballeira estarán presentes nesta gran cita literaria, na que os autores locais tamén teñen cabida e estarán representados por Marcos Calveiro, Carlos Meixide, Montse Fajardo e Manuel Oubiña.O programa ofrece unha longa lista de actividades diversas en torno á literatura e aos seus creadores, tanto para público adulto como infantil, todas de balde e na maioría das cales tomarán parte os propios escritores que interaccionarán co público asistente. Haberá presentacións de libros, roteiros literarios guiados polos propios autores, sinatura de exemplares, encontros de escritores, scape room, animación á lectura, a biblioteca con rodas , obradoiros e moitas máis actividades destinadas ao público infantil.
Unha temática ca día
O evento dedicará cada unha das sete xornadas a unha temática diferente. Abrirase o luns, 21 co apartado dedicado á literatura Xacobea, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura a través do Xacobeo, e que tamén servirá para promocionar a Ruta Marítimo Fluvial Xacobea, a que seguiron os restos do Apóstolo ata o seu depósito en Compostela e que é a Orixe de todos os Camiños. O programa irá avanzando ao longo da semana con temas como O papel da muller na literatura, Novela Histórica, Cine e literatura, Fantasía e ciencia ficción, Novela Negra e Literatura infantil e xuvenil.
Autores confirmados:
Jorge Molist, Idelfonso Falcones, María Oruña , Domingo Villar, Manuel Loureiro, Nacho Carretero, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Nieves Abarca, Marilar Aleixandre, Manuel Gago Mariño, Paula Carballeira, Carlos Meixide, Marcos Calveiro, Manuel Oubiña Losada, Montse Fajardo, Arantxa Portabales, Elio Quiroga e os ilustradores Kiko Dasilva e Miguel Anxo Prado.