XUVENTUDE
Xuventude abre o martes a inscrición nos campamentos urbanos de verán para rapazada de 4 a 16 anos A Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía volve a organizar este ano os tradicionais campamentos infantís e xuvenís de verán. Como xa aconteceu o ano pasado, a concellería que dirixe Alba Briones deseñou programas específicos adaptados aos protocolos sanitarios fronte ao covid para poder seguir prestando o servizo gratuíto de conciliación e de ocupación do tempo de lecer para as familias vilagarciáns con fillos con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos. O prazo de inscrición será 15 ao 22 de xuño tanto para os campamentos urbanos dos máis cativos, como para os medioambientais e de natureza e arte dos máis mozos.
12.06.2021.- Os campamentos urbanos de verán destinados ao público infantil (nado entre o 31 de decembro de 2014 e o 1 de xaneiro de 2017) contan con 42 prazas e celebraranse do 1 de xullo ao 13 de agosto, de luns a venres e en horario de 9 a 14 horas. Impartiranse por grupos de 7 cativos e terán como sede os colexios Arealonga e Piñeiriño.
As actividades xuvenís desenvolveranse entre o 5 de xullo e o 13 de agosto. Cada campamento terá unha duración aproximada de dúas semanas e realizaranse varias quendas, tanto no de temática medioambiental como no de natureza e arte, en función dos grupos de idade: de 8 a 11 anos (nados entre o 31 de decembro de 2010 ao 1 de xaneiro de 2013) e de 12 a 16 (do 31 de decembro de 2005 ao 1 de xaneiro de 2009). En total, poderán participar nestas actividades 48 rapaces e rapazas.
Os campamentos desenvolveranse de luns a venres en horario de mañá en distintos espazos do municipio, como o Auditorio, a praia e o parque da Compostela, a illa de Cortegada, distintos espazos naturais, parques e prazas da vila ou no edificio da Escola de Música.
Un medio de conciliación para as familias
Por tratarse de programas que, ademais de ofrecer alternativas didácticas e lúdicas para ocupar o tempo da rapazada durante as vacacións, os campamentos organizados polo Concello buscan facilitar a conciliación das familias vilagarciáns, de xeito que os proxenitores poidan compatibilizar a súa xornada laboral coa debida atención dos seus fillos. Por iso, o principal requisito para poder inscribirse nos campamentos é que os dous proxenitores teñan ocupacións laborais o se atopen en situación de ERTE -situación que deberán poder acreditar-, salvo no caso nos campamentos para o grupo de idade de 12 a 16 anos, no que non se requirirá este punto. O outro requisito é que os solicitantes estean empadroados en Vilagarcía ou que poidan acreditar que desempeñan as súas ocupacións laborais no municipio.
Inscrición e listas de admitidos
As bases que rexen estas actividades publicaranse no taboleiro de anuncios do portal municipal http://www.vilagarcia.gal e na sede.vilagarcia.gal o luns a mediodía, unha vez que pase o trámite de aprobación por parte da Xunta Local de Goberno. Tamén estarán dispoñibles neses mesmos medios as follas de inscrición. As solicitudes deberán presentarse debidamente cumprimentadas e acompañadas da documentación que se indica nas bases. O trámite debe facerse dentro do prazo indicado a través do rexistro xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.45 horas ou de forma telemática a través da sede.vilagarcia.gal.
En ámbolos dous tipos de campamentos, a adxudicación das prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. A lista de admitidos nas actividades infantís publicarase o 25 de xuño. Os solicitantes admitidos deberán confirmar a súa praza entre o 25 e o 27 de xuño a través do correo electrónico ( omix@vilagarcia.gal ou xuventude@vilagarcia.gal ) ou por teléfono (986 099 200 extensión 212). De non facelo, perderán o dereito á praza que será ocupada por solicitantes en lista de agarda seguindo tamén a orde de inscrición.
No caso das actividades xuvenís, a lista de admitidos en cada quenda dos campamentos publicarase o 29 de xuño.