CONCELLO
Fontecarmoa acolle os xogos autonómicos minoritarios nos que participan 66 deportistas con discapacidade Vilagarcía acolle un ano máis os Xogos de Deportes Minoritarios para persoas con discapacidade intelectual organizados pola asociación Special Olympics Galicia en colaboración coa FADEMGA, co obxectivo favorecer a inclusión e a integración dos participantes a través do deporte, o ocio e a diversión. As instalacións deportivas municipais de Fontecarmoa acollerán o evento que se mantén pese a situación propiciada pola covid pero que, consecuentemente, se ve afectado no número de deportistas que acudirán á cita debido a que se trata dun colectivo especialmente vulnerable ao virus e que precisa dunha especial protección. Así a todo, Vilagarcía recibirán a unha delegación composta por 107 persoas, das que 66 serán deportistas, e o resto adestradores e voluntarios.
10.06.2021.- Sete asociacións procedentes de outras tantas cidades galegas contarán con representación nesta 26 edición dos Xogos, entre elas Con Eles, de Vilagarcía que participa con 13 deportistas. O colectivo Prodeme de Monforte conta coa maior delegación, composta por 14 deportistas, mentres que Apader, de Cedeira traerá a 10. Completan a lista a asociacións Aspas de Santiago e Agasfra de Vigo, con 8 deportistas cada unha delas, San Pablo e san Lázaro, de Mondoñedo, con 7 e an Vicente de Paul de Lugo con 6.
Todo o evento conta cun estrito protocolo de seguridade e protección fronte ao covid.
O Concello de Vilagarcía colabora dende hai anos con este evento deportivo e social a través da Fundación Municipal de Deportes. De feito, Vilagarcía é a sede oficial dos Xogos Minoritarios dende hai moitos anos, destacando por ser un concello no que se traballa pola inclusión de todas as diversidades.
Como se sabe, os xogos organízanse en prácticas deportivas adaptadas ás características dos participantes. Entre as probas motrices que se celebrarán durante a xornada haberá competicións de desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portería, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico, desprazamento con diferentes apoios e bolos. Os Xogos Minoritarios buscan ofrecer unha competición igualitaria e normalizada, na que calquera persoa con discapacidade intelectual poida realizar deporte, independentemente das súas capacidades.
A xornada deportiva inaugurarase ás 11.15 horas no pavillón número 1 de Fontecarmoa, momento no que un dos deportistas lerá o xuramento de Special Olympics, "Quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento". O lema resume os valores do esforzo e da integración polos que traballan as asociacións participantes cos seus usuarios.
A competición propiamente dita dará comezo ás 12.00 horas, onde representantes dio Concello acompañarán aos membros das xuntas directivas de Con Eles, FADEMGA e Especial Olympics. Tras un descanso para o almorzo, as probas continuarán pola tarde, ata ás 19:30 horas cando está prevista a clausura. Como é costume, en recoñecemento do traballo realizado, todos os deportistas participantes nos Xogos recibirán a súa medalla xa que, polo simple feito de participar, demostran o seu espírito de loita e superación.