OBRAS E SERVIZOS
O Concello saca a licitación por 88.000 euros o proxecto de renovación de beirarrúas na contorna da Praza de Abastos O Concello de Vilagarcía vén de sacar a licitación as obras de renovación das beirarrúas na contorna da Praza de Abastos, un proxecto que ten como obxectivo facilitar a nova disposición que terá o mercado ambulante coa apertura do dobre sentido na rúa Alexandre Bóveda, á vez que se mellora a accesibilidade e a seguridade viaria. As obras precisan dun investimento de 88.000 euros e afectarán ao tramo da beirarrúa de Alexandre Bóveda que vai dende a intersección de Valle Inclán á de Arcebispo Lago.
22.04.2021.- O proxecto prevé tanto actuar na beirarrúa como na zona que compón a actual liña de estacionamento. A actual beirarrúa de lousas prefabricadas de cemento, que se atopan bastantes deterioradas, ensancharanse ata acadar entre 2,6 e 2,8 metros. Construiranse con formigón enriquecido superficialmente con cemento branco e area de cuarzo, fratasado por medios mecánicos para darlle un acabado con efecto antideslizante. Este tipo de beirarrúas, ademais de dar continuidade ás últimas actuacións realizadas na contorna da Praza, responden a criterios de accesibilidade, posto que a súa homoxeneidade facilita o paso de todo tipo de peóns, incluso de persoas con mobilidade reducida.
As zonas de aparcamento tamén se reformarán, dándolle un ancho de 4,5 metros, tanto para ser usados como estacionamento e zonas de carga e descarga, como para permitir a cómoda colocación da liña de postos dos vendedores ambulantes que acoden ao mercado dos sábados e os martes pola mañá.
Como medida de calmado de tráfico e para mellorar a seguridade viaria dos peóns en calquera momento, pero de forma especial os días de mercado, nos que o tráfico rodado convivirá coa actividade ambulante, construiranse dous pasos de peóns elevados. O primeiro nas inmediacións da intersección de Alexandre Bóveda con Valle Inclán e o segundo, á beira da intersección con Arcebispo Lago.
O proxecto prevé ademais a adaptación das redes de recollida de pluviais á nova disposición e dimensións da beirarrúa, como a reposición dalgunhas arquetas, a posta a punto ou reposición das acometidas á rede de pluviais e de saneamento que se atopen deterioradas e a colocación de novos sumidoiros.
Por último, as obras completaranse instalación de iluminación na fachada do corpo central do edificio da Praza de Abastos, que actualmente non ten ningún tipo de iluminación, co fin de resaltar a súa presenza nocturna e as características do edificio deseñado por Gómez Román en 1929. Serán varios feixes de luz led, uns dende o solo e outros dende a mesma fachada e iluminación cara arriba, para por en relevo este ben patrimonial.
Segunda fase As obras que se sacan a licitación ten un prazo de execución de 3 meses e correspóndese coa primeira fase dun proxecto que se completará nunha actuación posterior co acondicionamento do tramo de beirarrúas que bordea o aparcamento situado entre a praza da verdura e a avenida Valle Inclán.