CULTURA
Unha parella confinada nun piso de 32m2 é a protagonista da obra de teatro que se representa o sábado no auditorio A oferta teatral para esta fin de semana chega con “32m2”, unha comedia baseada nas vivencias e visicitudes que pasa parella confinada nun apartamento de 32 metros cadrados. O espectáculo da compañía Butacazero represéntase o sábado, 17 de abril, a partir das 20.00 horas no Auditorio. A entrada custa 5 euros para o público en xeral e 3 para os colectivos bonificados. O aforo polas normas sanitarias limítase nestes momentos a 100 butacas.
14.04.2021.- “32m2” baséase nun texto escrito por Xavier Castiñeiras e Esther Carrodeguas e protagonizado por Xurxo Cortázar e Nuria Gullón. Estes dous actores dan vida a Xan e a Mar, unha parella que, por mor dun virus, teñen que permanecer confinados nun pequeno apartamento. En principio, todo semella un xogo: estantes cheos de comida, cervexa e papel hixiénico, quita o sofá para poñer a cama, quita a cama para poñer a cea, saca medio corpo polo ventanuco para pillar a wifi da veciña.. e escotar ás 20 horas os aplausos nos balcóns de quen os ten. E daquela soa o teléfono e unha voz informa a Mar que a súa nai acaba de morrer nunha residencia. Pero… a nai de Mar estaba viva?
As entradas xa se poden adquirir a través de ataquilla.com ou do teléfono 902504500. O prezo xeral é de 5 euros, e 3 para maiores de 65 anos, mocidade e persoas desempregadas. A venta anticipada implica custes de xestión.De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o día da función na billeteira do Auditorio dende as 18:00 horas.
Control de aforo dinámico
Para esta representación funciona xa o sistema de venta de entradas con aforo dinámico que adapta automaticamente o aforo e as distancias de seguridade en base á adquisición de localidades agrupadas. O sistema permite comprar billetes de forma individual ou, no caso de ser persoas conviventes, reservar dúas, tres, e ata o máximo de catro butacas xuntas. En calquera destes casos, o programa bloquea automaticamente as localidades que conforman o perímetro de seguridade das reservadas, tanto mos laterais como nas ringleiras de diante e detrás.