POLICÍA LOCAL
Os festivos da Semana Santa saldáronse con 16 propostas de sancións por incumprir a normativa do Covid A Policía Local de Vilagarcía tramitou 16 propostas d esancións relacionadas coa normativa Covid durante os festivos da Semana Santa, é dicir dende o xoves e o domingo. A maior parte das infraccións detectadas foron por saltarse o toque de queda, 11 casos, habendo tamén 4 denuncias a locais de hostalería e 1 por uso indebido da máscara.
05.04.2021.- As persoas denunciadas por non respectar o toque de queda establecido nas dez da noite non tiñan, como é de supoñer, causa que puidera xustificar a situación. É máis, varios dos casos detectados, ademais de superar nun amplo marxe de horas o toque de queda, correspondíanse con accións pouco habituais para a hora na que se producían, como a persoa que se atopaba á 1.30 da madrugada lavando o coche en plena vía pública, o que paseaba en bicicleta ás 2.30 da madrugada polo paseo marítimo, ou mesmo a que sacou o can a pasear á unha da madrugada.
Todas as denuncias formuladas contra establecementos de ocio tiñan como denominador común permanecer abertas despois do horario fixado para o peche, sumando nalgún dos casos, outras infraccións como non ter sinalizados os aforos, non ter o sistema de códigos Qr e non gardar as distancias de seguridade.