SERVIZOS SOCIAIS
Servizos Sociais “Empatiza” co alumnado de Primaria cunha nova edición do taller sobre resolución pacífica de conflitos A maiores de cubrir as necesidades e atender ás persoas e colectivos vulnerables ou en risco de exclusión, a Área de Servizos Sociais traballa dende hai anos coa poboación en xeral e dende diversas perspectivas na prevención de problemáticas de tipo social e na mellora da convivencia. Dentro desta liña de actuación, e destinado especificamente á infancia, o departamento que dirixe Tania García, xa ten programada unha nova edición do obradoiro “Empatiza” para a resolución pacífica de conflitos entre alumnado de 5º curso de Primaria de todos os centros educativos do municipio.
01.04.2021.- O proxecto do obradoiro xa está aprobado pola Xunta de Goberno Local coa previsión de desenvolver as actividades durante o primeiro trimestre do curso escolar 2021/22. A iniciativa conta cun orzamento de 8.413 euros que o Concello financiará a través da liña 2 do Plan Concellos 2021.
Dende Servizos Sociais argumentan que a aprendizaxe de resolución de conflitos resulta unha competencia básica para a convivencia e o desenvolvemento integral dos nenos e nenas en calquera circunstancia, máis aínda no actual e complicado contexto social no que nos atopamos debido ao impacto que a pandemia da Covid está a ter en todo o mundo e á prolongada alteración da normalidade cotiá que estamos a sufrir, situación que pode propiciar novos conflitos.
O programa “Empatiza” impartirase nos propios centros educativos con persoal cualificado que traballará co alumnado para que lle sexa máis doado identificar conflitos, comprendelos e establecer estratexias para a súa resolución de forma pacífica. Para elo propiciaranse espazos de reflexión e aprendizaxe moi próximos á realidade cotiá da rapazada e establecerase un catálogo de medias a prol da convivencia nos centros educativos. Tamén se empoderará ao alumnado participante a través da creación da figura dos axentes activos na convivencia pacífica nos centros e iniciaranse dinámicas que poidan ter continuidade e un impacto positivo no clima convivencial dos colexios de forma permanente.
O obradoiro desenvolverase en dúas sesións de 2 horas de duración, separadas entre elas unha ou dúas semanas para facilitar a realización por parte do alumnado dunha serie de actividades que forman parte do proceso vivencial e formativo do proxecto. A maiores, e sempre que o centro o desexe, impartirase unha terceira sesión para avaliar e explicar o resultado da intervención, así como para dar certas pautas e recomendacións técnicas para a actuación dos axentes de convivencia.