CULTURA
O folk electrónico de Baiuca soará en Vilagarcía o 19 de agosto a través do Musigal Vilagarcía xa ten pechada a primeira das actuacións musicais que acollerá a vila durante a semana grandes das festas de verán e a través do programa Musigal da Deputación de Pontevedra . Será, o concerto que Baiuca o 19 de agosto no Parque da Xunqueira, sempre que a pandemia o permita. O innovador folk electrónico deste catoirense soará a través dos temas do disco“Solpor”.
16.03.2021.- Baiuca é o último proxecto musical de Alejandro Guillán que despois de iniciarse con ritmos máis pop baixo o nome de Alex Casanova, somérxese agora nesta proposta experimental onde mestura con mestría os elementos máis típicos da música tradicional galega con sons máis actuais e electrónicos. Por iso non sorprende atoparse nos temas de Baiuca o ritmo das pandeiretas, as cunchas, o pandeiro e mesmo as voces das cantareiras casando á perfección co son dos sintetizadores.
"Solpor" inclúe nove cancións producidas polo artista, entre os que se atopa o tema “Caravel”, con versos de Rosalía de Castro aos que lle pon voz a cantante do grupo Fuel Fandango, unha das colaboracións máis destacables.
O concerto de Baiuca chega a través da programación do Musigal 2021, o programa promovido pola Deputación Provincial para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra e fomentar ao tempo o uso e a normalización social da lingua galega e a defensa dos valores da igualdade de xénero.