URBANISMO
O goberno local adxudica o primeiro paquete de ciclovías, cun presuposto de 371.000 euros e 2,2 quilómetros de extensión A Xunta de Goberno Local acordará o vindeiro luns a adxudicación á empresa Marconsa o primeiro lote das obras para desenvolver a rede de ciclovías que o equipo de Alberto Varela pretende desenvolver na cidade. Neste caso trátase do vial que unirá O Piñeiriño coa zona da Florida a través de Doutor Tourón e Rodrigo de Mendoza e esta co que discorre polo litoral (entre a praia e Ferrazo) a través doutra vía ciclista por Alejandro Cerecedo e Alexandre Bóveda. As obras están presupostadas en 371.462 euros e teñen un prazo de execución de 8 meses.
05.03.2021. É moi probable que o desenvolvemento deste proxecto coincida ao menos en parte cos obras doutros plans tamén en tramitación: un é a rotonda prevista na confluencia de Vistalegre e Doutor Tourón e rúa de Fontecarmoa, e outro, o dos camiño escolares seguros, que arrancarán precisamente no Piñeiriño para, a través de Doutor Tourón e Matosinhos, chegar ao grupo escolar da Lomba. Aínda que todos os proxectos teñen financiación (Concello, Deputación, Fondos Europeos) e autoría distintas, todos teñen en común un mesmo proxecto de cidade. “Unha cidade máis amable, medioambientalmente sostible, con menos presenza de coches e máis protagonismo para os cidadáns e os medios alternativos de transporte”, subliña Paola María, concelleira de Urbanismo e Mobilidade.
O proxecto cuxas obras se adxudican o luns ten presente todas esas directrices. Elaborado polo Estudio MC, especializado en mobilidade e desenvolvemento sostible, o plan prevé crear 2.200 metros lineais de ciclovía, en tres itinerarios. Un, o que discorre polas las avenidas de Cambados, Dr. Tourón e Rodrigo de Mendoza (1.425 m); outro, o que vai dende Fariña Ferreño ata o Cavadelo (624m); e un terceiro, que se corresponde coa totalidade de Ramón Cabanillas, é dicir, dende Rodrigo de Mendoza ata o instituto (160 m).
O tipo de vía escollido é a denominada “carril bici bidireccional segregado” por ser o que mellor se adecúa as necesidades e ao medio afectado, e o que precisa menor espazo de ocupación. Este carril ten un ancho de 2,5 metros e sitúase nunha das marxes da calzada, ocupando, total ou parcialmente, zonas anteriormente destinadas a estacionamento ou á circulación de automóbiles. Como casos puntuais e coincidindo unicamente con ramais e conexións, haberá uso compartido da calzada e dos itinerarios peonís.
Os viais terán un pavimento especial para bicicletas. O trazado irá delimitado e convenientemente diferenciado da zona de tránsito de vehículos e de peóns mediante diferentes elementos, en función das características de cada zona: bordos, segregadores baixos de plástico, balizas, separadores peonís ou varandas nalgún punto. Na zona final de Rodrigo de Mendoza, por exemplo, primeiro irá a beirarrúa, logo a ciclovía, despois unha liña de aparcamento e finalmente o vial de tráfico propiamente dito.
Tres itinerarios principais e varios ramais A rede de ciclovías de Vilagarcía estrutúrase a través dun trazado principal composto por tres itinerarios que atravesarán a cidade, e unha rede secundaria que, de forma radial, permitirá a intercomunicación entre todas elas. As ciclovías do eixo principal serán as que discorran entre O Piñeiriño ata a rotonda das Carolinas, pasando pola avenida de Rodrigo de Mendoza. A segunda vía principal partirá desde As Carolinas e chegará ata O Ramal, a un paso da zona portuaria, da praia e da estación do ferrocarril. Por último, a terceira vía principal unirá Vilagarcía coas outras dúas vilas históricas -Carril e Vilaxoán- a través da costa.
O presuposto global da rede é de 1.481.848 euros. Dado o volume, en orzamento e obras, o plan estase a desenvolver en sucesivas fases e con distinta financiación, dende o Concello ata a Deputación, pasando por la Edus “Vilagarcía Avanza” (Fondos Feder) ou a posibilidade de que Costas asuma unha parte da extensión do carril bici de xeito paralelo ao paseo marítimo.