CONCELLO
Os Xardíns Doutor Fleming renovan a súa imaxe Os Xardíns Doutor Fleming sufrirán un cambio de imaxe en cuestión de semanas mediante as actuacións que xa comezou a executar o persoal do servizo municipal de Parques e Xardíns. Tratase de traballos de pequeno calado, pero que terán certo impacto nesta céntrica zona verde, e que se centrarán en aportar luminosidade nas zonas máis sombrías e establecer unha solución de continuidade entre os parterres e as zonas de paseo.
21.01.2021.- Os traballos comezaron esta semana coa retirada dos bordos de ladrillo que delimitaban os parterres. A medida ten como obxectivo unir as zonas de céspede coas de paseo para aportar sensación de amplitude. Unha vez retirados todos os bordos realizaranse pequenos aportes de terra no perímetro dos parterres para facilitar a transición coas zonas de tránsito, que tamén se acondicionarán debidamente nivelando o terreo con xabre nas zonas que presenten fochas.
Dado que nos Xardíns do Doutor Fleming existen varias zonas moi sombrías nas que aflora a humidade, procederase a realizar un refaldado da vexetación. Isto é, podar as zonas baixas de arbustos e árbores para alixeirar o espazo e aportar luminosidade.
A actuación programada pola Concellería que dirixe Diego García tamén prevé a limpeza dos bancos de pedra, con especial atención a aqueles que por atoparse en zonas de sombra, están afectados polo verdín e as humidades.