CONCELLO
O Concello estudará a documentación aportada pola asociación sobre os terreos da Fonte de Faxilde No marco dos encontros que o goberno local de Vilagarcía mantén de forma periódica coas asociacións de veciños do municipio, o equipo de Alberto Varela reuniuse esta tarde no Concello cos representantes do colectivo de Faxilde, que solicitara a xuntanza tras ter renovado a directiva. A presentación dos novos voceiros veciñais serviu tamén para poñer sobre a mesa o traballo desenvolto polo Concello nos últimos tempos en Faxilde e para que os veciños transmitisen ao executivo novas necesidades, así como a súa preocupación polo conflito sobre a titularidade duns terreos cedidos por un particular na Rúa da Fonte de Faxilde para permitir ao Concello ensanchar o camiño.
20.01.2021.- Os colectivo alega que os terreos cedidos polo particular eran propiedade comunal. Os veciños entregaron ao goberno uns documentos nos que basean a súa postura e que o executivo se comprometeu a estudar e contrastar a efectos de determinar quen ten a razón e poñer fin ao conflito.
A maiores deste punto, o goberno local -representado polo alcalde, a tenente de alcalde, Tania García e o concelleiro José María González- aproveitou para lembrar ao colectivo as numerosas actuacións levadas a cabo en Faxilde no tempo no que leva gobernando o executivo socialista, o que demostra a atención que se lle presta a esta zona de Vilagarcía. A lista comeza polas obras de mellora do campo de fútbol da Pelada, nas que se investiron 311.656 euros. A creación dun estacionamento público na Pelada, o asfaltado da Rúa do Xogo, a renovación do alumeado público coa instalación de luminarias led na rúa A Lagoa e nas conexións entre San Antonio-Combe e Combe-Casal Cortiñas e o arranxo da cuberta do pavillón de deportes, que supuxo un gasto de 55.500 euros, foron outras das actuacións executadas nos últimos anos en Faxilde
O centro socio cultural tamén foi obxecto de melloras neste tempo, ao terse realizado obras interiores que consistiron no acondicionamento do salón de actos, a construción dun baño completo complementario, preparación dun pequeno almacén e labores de pintura, a maiores da instalación de dúas caldeiras de biomasa.
E no que a servizos se refire, na etapa do executivo presidido por Varela Paz acometeuse a mellora da rede de saneamento nun tramo da Rúa Sobrán, á altura do cruce coa Rúa Piorno. En relación a este tema, o rexedor comunicoulles que a renovación integral de servizos e mellora da rúa Sobrán será a próxima actuación que o Concello ten previsto programar en Faxilde.
Por último, goberno e asociación emprazáronse a realizar proximamente unha visita conxunta a diversas zonas de Faxilde para que os veciños trasladen in situ ao munícipes as necesidades detectadas no lugar e as melloras que consideran que se deberían levar a cabo.