CONCELLO
O Concello concedeu o ano pasado 77 tarxetas de transporte exclusivas para persoas maiores Un total de 77 vilagarciáns maiores de 65 anos contaron o ano pasado coa tarxeta de transporte que concede a Concellería de Persoas Maiores para favorecer a autonomía persoal deste colectivo. Trátase dun bono bus, subvencionado polo Concello en colaboración coa empresa Pereira, que funciona como tarxeta monedeiro para os desprazamentos urbanos no transporte público colectivo.
18.10.2021.- O Concello de Vilagarcía ofrece desde hai xa moitos anos o bono bus para Persoas Maiores no marco das políticas para promover e prolongar a autonomía persoal deste colectivo e que esta non se vexa condicionada polas posibilidades económicas dos interesados. A tarxeta transporte permíteslle desprazarse polo municipio sen ter que depender de ninguén para poder ir a facer compras, visitar a familiares, acudir ao médico ou as súas actividades de carácter social e de ocio. Os únicos requisitos para contar co bono transporte é ser maior de 65 anos, estar empadroado en Vilagarcía e ter un nivel de ingresos que non superen ao do salario mínimo interprofesional.
O funcionamento é sinxelo: unha vez que o Concello concede o bono aos solicitantes que cumpren os requisitos, por cada 10 euros que o titular cargue na tarxeta, o Concello aporta 10 euros máis e a empresa de transporte outros 5. É dicir, que con 10 euros de achega individual, o beneficiario dispón dun importe de 25 euros para usar o transporte público urbano. Ao tratarse dunha tarxeta monedeiro, o seu uso non se limita a un determinado número de viaxes ao mes, senón que pode regulalos en función das súas necesidades ata que esgote o importe, pudendo recargalo as veces que lle sexa necesario ao longo do ano. Ao cumprirse o ano, o interesado debe renovar a subscrición ante a Concellería.
A cifra de tarxetas concedidas en 2020 (77) e lixeiramente superior ao do ano anterior, cando entre renovacións e novas altas, se aprobaran 73. A suma que o Concello vén destinando anualmente a financiar o bono transporte dos maiores ronda os 5.000 euros, cantidade que depende en función das recargas que faga cada usuario. En espera de pechar as cifras coa empresa de Transporte, é de esperar que este ano a cifra sexa menor debido ao confinamento e ás restricións de mobilidade que conlevou.
Por outro lado, hai que salientar que o Concello de Vilagarcía dispón tamén do Vaibus!, o bono bus subvencionado polo Concello destinado ao público en xeral, a diferenza desta tarxeta de uso exclusivo para maiores de 65 anos con ingresos máis baixos. O Vaibus! custa 20 euros e permite realizar viaxes ilimitados durante todo un mes.