EDUCACIÓN
As axudas para estudos superiores concedidas polo Concello xa foron ingresadas aos 161 beneficiarios Unha semana antes que o ano pasado, os 161 beneficiarios das axudas municipais para estudos superiores xa teñen ingresadas nas súas contas as bolsas concedidas polo Concello de Vilagarcía. O trámite en tesourería completouse o mércores co envío das ordes de pago ese mesmo día ás respectivas entidades bancarias, polo que a día de hoxe todos os estudantes subvencionados xa teñen recibido a axuda. Dado o carácter social destas axudas, os servizos municipais axilizaron ao máximo a tramitación e, pese ao paro da actividade sufrido durante o confinamento, as bolsas foron ingresadas unha semana antes que o ano pasado, cando o abono se completou a terceira semana de xaneiro.
15.01.2021.- Como se sabe o executivo socialista creou hai cinco anos esta liña de axudas para garantir a igualdade de oportunidades no que á formación e estudos se refire, de xeito que a situación económica familiar non sexa un obstáculo. Por iso as axudas concédense en base aos niveis de renda familiar e ascenden a 400 euros para estudos universitarios e 200 para os ciclos superiores de FP ou estudos de nivel similar.
A maioría das 161 bolsas concedidas nesta última convocatoria corresponde a alumnos que están facendo carreira universitaria, un total de 139, cada un dos cales recibirá 400 euros. Os 22 restantes recibirán bolsas de 200 euros. En total, o Concello destinou a financiar esta liña de subvencións, 60.000 euros (40.000 máis que na anterior edición), cantidade que se esgotou na súa totalidade. Por esta razón, o executivo local xa anunciou que nos orzamentos de 2021 volverá a incrementar a partida para a convocatoria deste ano.