OBRAS E SERVIZOS
O Concello construirá unha estación de bombeo no punto negro da zona de O Lago, en Cea Na primeira Xunta de Goberno do ano, a celebrada esta mañá, o goberno local de Vilagarcía acordou executar dúas actuacións de ampliación e mellora do servizo de saneamento. A primeira, cun investimento de 12.000 euros, a que permitirá acabar cun punto negro de verquido na zona de O Lago, na parroquia de Cea, e a outra, cun custe de 5.000 euros, a de renovación dos impulsores do bombeo de Vilaxoán.
04.01.2021.- O Concello encarga á empresa Excavaciones y Construcciones Diéguez a execución da obra no Lago. Os traballos consistirán en adaptar un antigo pozo aberto hai anos pero que nunca chegou a funcionar, e en instalar e poñer en marcha a nova maquinaria precisa para bombear as augas residuais procedentes das casas da zona e facilitar o correcto funcionamento da rede de saneamento. Ata o de agora, a falta desa impulsión provocada que as augas residuais se acumulasen nese punto, buscando unha saída natural cara un regato. Coa obra proxectada e xa contratada resolverase o problema e acabarase cun punto de verquido. Os traballos a realizar poden estar rematados nun prazo de pouco máis dun mes, tempo ao que haberá que sumar o que tarde Fenosa en dar de alta o boletín para conectar e subministrar a enerxía necesaria para o funcionamento da instalación.
Os traballos a realizar no bombeo de Vilaxoán son máis sinxelos e executaranse directamente con man de obra municipal. Trátase dunha actuación de mantemento consistente en renovar os dous impulsores actuais, que se atopan moi desgastados polo uso e a acumulación de area na zona, o que fai que o bombeo traballe moi lentamente. Cos novos impulsores o proceso axilizarase moito e reducirá o consumo de enerxía eléctrica, co que ademais haberá un considerable aforro enerxético.