CONCELLO
A segunda fase do Plan de Accesibilidade prevé actuar na rúa Marxión, o inicio de Doutor Tourón e á entrada a ás Pistas A segunda fase do Plan de Accesibilidade do Concello de Vilagarcía de Arousa xa ten definidas dende hai un mes tres novas actuacións a realizar, tal como se avanzara no Pleno do mes de novembro cando se aprobou o listado de obras a financiar cos remanentes orzamentarios de 2019. As actuacións desenvolveranse na Rúa Marxión, no primeiro tramo da Avenida Doutor Tourón (dende a Praza de España ata o cruce con Fariña Ferreño e Alejandro Cerecedo) e na entrada ás Pistas (no tramo da Avenida de Cambados comprendido entre o chalé dos Pérez Lafuente e os semáforos de entrada ao barrio). Os traballos teñen un custe de 150.000 euros e, como se dixo, financiaranse cos remanentes do pasado ano.
19.12.2020.- O proxecto a realizar na Rúa Marxión atende tanto a razóns de accesibilidade como de seguridade viaria. As carencias que presenta actualmente esta vía veñen dadas polos cambios que sufriu a zona nas últimas décadas co crecemento da cidade. Orixinariamente a Rúa Marxión era un camiño rural que, co paso do tempo e o desenvolvemento urbanístico da contorna, pasou a englobarse no entramado urbano. A actuación prevista vese condicionada polas características daquel camiño rural, é dicir, por un ancho de vía bastante escaso e de dobre sentido de circulación que impide dotala de beirarrúas. Conforme aos informes policiais, a actuación a realizar pasa por establecer un único sentido de circulación con entrada dende Juan Carlos I ata a Rúa O Pino. Deste xeito poderán habilitarse, na mesma plataforma viaria e mediante sinalización horizontal, corredores seguros para os peóns a ambos lados da beirarrúa, A actuación complétase coa instalación de sistemas de calmado de velocidade.
A actuación prevista no tramo afectado de Doutor Tourón consistirá no ensanche das beirarrúas nunha vía que ten espazo máis que suficiente ao ser unha rúa de sentido único de circulación de vehículos cunha plataforma de circulación que antigamente dispoñía de dous carrís. As beirarrúas construiranse nun pavimento continuo sen presenza de resaltes que poidan dificultar o tránsito das persoas. Os traballos incluirán a reforma e renovación das redes de saneamento e de recollidas de pluviais, así como a instalación de novos sumidoiros de pluviais adaptados ás novas beirarrúas. Con esta obra da continuidade as actuacións executadas con anterioridade na Avenida Doutor Tourón dende a glorieta da Mariña Española ata os semáforos de Alejandro Cerecedo.
As obras previstas no tramo da Avenida de Cambados situado entre as confluencias coas rúas Camilo José Cela e Mondariz consisten no acondicionamento das beirarrúas, cuxo pavimento atópase actualmente moi deteriorado debido á acción das raíces das árbores, o que provoca o continuo traballo dos servizos municipais para tratar de arranxar os problemas de levantamento e rotura de lousas e desniveis no firme. Coas obras, as beirarrúas disporán dunha superficie nivelada, lisa e continua que ofreza maior seguridade as persoas que por alí transitan.
Outras actuacións de accesibilidade
Aínda que non se inclúen nesta segunda fase do Plan de Accesibilidade, o Concello de Vilagarcía tamén financiará cos remanentes de 2019 outros dous proxectos de accesibilidade xa anunciados. Trátase da mellora do acondicionamento e mellora de accesibilidade do Cemiterio Municipal de Vilagarcía, cun orzamento de 266.000 euros, e da substitución do pavimento do Parque Miguel Hernández, presupostada en 375.283 euros.