EMPREGO
O alcalde comproba en Fundivisa os avances dos participantes na acción municipal de formación especializada O curso de formación especializada organizado polo Concello de Vilagarcía coa colaboración da empresa Fundivisa remata esta semana, razón pola cal o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Alba Briones, acudiron ás instalacións da empresa emprazada no Pousadoiro para comprobar os avances dos alumnos participantes. A administración local promoveu e financiou esta iniciativa cun dobre obxectivo: proporcionar ás industrias da zona man de obra cualificada e con formación específica nos seus procesos produtivos e facilitar que os desempregados da cidade dispoñan dese plus de coñecemento e práctica que lles permita acceder a un emprego nas empresas emprazadas no propio municipio.
16.12.2020.- O curso desenvolveuse a través da colaboración entre Concello e Findivisa. Os contidos establecéronse en función das necesidades da propia empresa e centrándose no seus procesos produtivos especializados na fundición de bronce para a elaboración de hélices de barcos e aspas de muíños de vento. A través dun proceso de selección levado a cabo polo persoal de Recursos Humanos da firma, de entre os 75 aspirantes inscritos elixíronse as 15 persoas que máis se axustaban aos perfís requiridos. O curso comezou en novembro e consistiu na impartición de 90 horas lectivas, tanto teóricas como prácticas, desenvolvidas nas instalacións da fundición.
Tanto os responsables da empresa como os propios alumnos valoraron de forma moi positiva a formación recibida e a especificidade da mesma, o que permite que, unha vez incorporados ao traballo, estas persoas podan resultar produtivas dende o primeiro momento, salvando o hándicap que á empresa lle supoñía ter que dedicar semanas a ensinar os procesos de fabricación cada vez que contrata a un traballador novo, especialmente en aqueles contratos temporais que se asinan por necesidades puntuais en determinadas épocas do ano. Para os alumnos tamén é positivo contar xa con esta formación, posto que melloran a súas posibilidades de empregabilidade á hora de acceder a un posto de traballo en calquera fundición ou no sector do metal.
A colaboración entre o Concello e Fundivisa non acaba con curso, posto que como contraprestación pola formación financiada polo Concello, a empresa contratará de forma inmediata a 3 dos alumnos participantes cuxos perfís o habilidades máis se axusten aos pedidos que a fundición ten pendente de servir nestes momentos. Os contratos serán a xornada completa e terán unha duración mínima de 3 meses, prorrogables en función das necesidades da factoría. Os demais alumnos pasan a formar parte dunha bolsa de emprego á que a fundición recorrerá cada vez que precise novo persoal.
Varela aproveitou a visita para agradecer aos responsables de Fundivisa que a súa empresa fose a primeira en dar un paso adiante e en apostar por esta nova liña de colaboración entre a iniciativa pública e a privada que ten como obxectivo final mellorar a posición da industria local e fomentar a creación de emprego. A colaboración con Fundivisa pretende ser a primeira dun plan máis amplo de formación especializada que o Concello pretende estender a outras empresas do municipio ás que Varela Paz anima a sumarse en vista dos positivos resultados acadados nesta experiencia piloto.