CONCELLO
O Concello precinta un local clandestino de xogo e bebidas no que ademais se reunía xente incumprindo as normas sanitarias O Concello de Vilagarcía vén de ordenar o peche e precinto dun local clandestino situado na avenida Agustín Romero no que supostamente se estaban a realizar festas ilegais, se vendía e consumían bebidas alcohólicas e se celebraban timbas de póker. A resolución municipal está propiciada pola denuncia instruída pola Policía Local en base aos feitos detectados o sábado a media noite por unha das patrullas que, ante a actitude sospeitosa de tres persoas reunidas -saltándose o toque de queda- á entrada dun local de “montaxes eléctricos” coa verxa medio baixada, inicialmente pensaron que podía estarse producindo un roubo. A intervención dos axentes e o rexistro das instalacións, apuntaron a algo ben diferente.
19.11.2020.- Segundo consta no atestado, cando os axentes baixaron do coche para identificar ás tres persoas por incumprimento do toque de queda, dúas delas escaparon pasando a gatas baixo a verxa para esconderse no interior do local. Tras interceptar ao terceiro, temendo que se puidera estar producindo un roubo, solicitaron a presenza doutra patrulla para acceder ao local. Ao facelo atopáronse a cinco persoas dentro, unha das cales dicía ser o arrendatario do baixo e que o utilizaba para reunirse con amigos. Xa de partida, a Policía instruíu as pertinentes notificacións por incumprir tanto a restrición horaria como a prohibición de reunións de persoas non convivintes impostas a consecuencia do COVID.
Na inspección ocular, os axentes comprobaron que o local estaba amoblado con varios sillóns, mesas e cadeiras e que estaba dotado de barra de bar con caixóns; unha neveira con cervexas, refrescos e xeo; estantes con numerosas botellas de bebidas alcohólicas; varios paquetes de tabaco; unha caixa metálica con moedas; unha mesa de póker e unha caixa con fichas deste xogo; unha máquina tragaperras e ata un sistema de vixilancia interior dotado con varias cámaras cuxas imaxes se monitorizaban a través dun ordenador. Ademais, no local había cartas de prezos impresas e tamén códigos QR pegados nas paredes para acceder aos prezos das bebidas, o que apunta cara unha actividade comercial que, claramente, carecía de permiso.
Por si fora pouco, a Policía tamén interveu no rexistro unha bolsa de plástico que atoparon tirada no chan e que, aparentemente, contiña marihuana.
Tras identificar e informar aos individuos e que se lles ía denunciar por incumprimento da normativa sanitaria, os axentes ordenaron desaloxar o local no que so quedou o responsable.
Maila isto, pouco tempo despois, foi a Garda Civil Fiscal a que acudiu ao local da avenida Agustín Romero para inspeccionalo, atopándose de novo no interior a tres persoas reunidas (responsable e outros dous mozos), que tamén foron denunciados pola dotación, que tamén levantou acta por actividade clandestina.
Como consecuencia do atestado da Policía local, o Concello ordena o peche e precinto do devandito estabecemento.