URBANISMO
Licitada a primeira fase das ciclovías, que completa a construción dos tres itinerarios primarios e suman 2,2 quilómetros Vilagarcía está cada vez máis preto de dispor das infraestruturas axeitadas que permitan facer uso da bicicleta como medio habitual e seguro de desprazamento polo municipio. O Concello vén de licitar a primeira fase do proxecto de construción da rede de ciclovías municipais, unha das propostas defendidas pola Concellería de Mobilidade e que vai en consonancia coas directrices de mobilidade sostible promovidas pola Unión Europea, a cuxos fondos recorre o Concello a través do programa EDUSI para financiar os 488.766 euros nos que está presupostada a iniciativa. Esta fase permitirá completar a construción de tres dos itinerarios primarios de ciclovías sobre os que, en fases posteriores, se vertebrará o entramado da rede secundaria.
05.11.2020.- A construción destas tres ciclovías permitirá desprazarse en bicicleta e de forma segura entre o barrio do Piñeiriño, As Carolinas e o IES Castro Alobre, así como pola Avenida Doutor Tourón ata O Cavadelo e por todas as zonas intermedias polas que discorrererán as vías. Os tres itinerarios suman 2,220 quilómetros de infraestrutura específica para uso ciclista. O primeiro itinerario (cun trazado que discorre pola Avenida de Cambados, Doutor Tourón e toda a Avenida Rodrigo de Mendoza) ten unha lonxitude de case quilómetro e medio, 1.425 metros. O segundo, que inclúe ao ciclo carril xa executado e da continuidade ao anterior, vai pola Rúa Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo, Fariña Ferreño e Arcebispo Xelmírez e suma 654 metros de infraestrutura; mentres que o terceiro, que enlaza con este último, irá pola rúa Ramón Cabanillas ata o entronque coa Rúa San Roque á altura do instituto Castro Alobre.
Estes trazados obtivéronse como resultado da análise previa do estado actual e do estudio das necesidades de desprazamento existentes no municipio encargado polo Concello para determinar a configuración idónea e máis eficiente das ciclovías.
Carril bici bidireccional segregado
Tamén en base a estes estudos e ás características das vías polas que discorrerán as ciclovías, acordouse utilizar neste proxecto a tipoloxía do carril bici bidireccional segregado por ser o que mellor se adecúa as necesidades e ao medio afectado, e o que precisa menor espazo de ocupación. Este carril terá un ancho de 2,5 metros e situarase nunha das marxes da calzada, ocupando, total ou parcialmente, zonas anteriormente destinadas a estacionamento ou á circulación de automóbiles. Como casos puntuais e coincidindo unicamente con ramais e conexións, proponse o uso compartido da calzada e dos itinerarios peonís.
A obra a executar prevé utilizar pavimento especial para o tránsito de bicicletas, que irá delimitado e convenientemente diferenciado da zona de tránsito de vehículos e de peóns mediante diferentes elementos de segregación en función das características de cada zona. Así, utilizaranse bordos, segregadores de plástico baixo, balizas, separadores peonís e ata varandas nalgún punto.
O proxecto prevé todas as solucións posibles a dar ao carril bici á hora de facelo compatible cos pasos de peóns, paradas de autobús, vaos, zonas de carga e descarga, liñas de contedores de lixo ou interseccións con outras vías.
Tamén se recollen no proxecto a instalación de toda a sinalética viaria específica e o pintado da sinalización vertical, así como actuacións complementarias que haxa que adoptar como, trasladar farois de alumeado público, papeleiras ou liñas de contedores. A obra está perfectamente adaptada á normativa de accesibilidade.
As empresas interesadas en executar estes traballos dispoñen ata o 25 de novembro para presentar as súas propostas a través da plataforma pública de contratación. O prazo de execución das obras é de 8 meses.