EMPREGO
Dezanove novos proxectos empresariais concorren ás axudas municipais á creación de empresas A liña anual de Axudas municipais á creación de Empresas convocada polo Concello segue contando con boa acollida por parte dos emprendedores que apostan por crean un negocio en Vilagarcía. Á convocatoria deste ano, cuxo prazo de solicitude pechouse o pasado venres, concorren 19 proxectos empresariais -dous máis que o ano anterior. Dada a precaria situación que atravesa a economía debido á crise sanitaria, a Concellería de Promoción Económica elevou este ano un 40% a partida destinada a financiar esta liña de subvencións, que pasa dos 30.000 euros da pasada edición aos 42.000 da actual.
02.11.2020.- As axudas municipais á creación de pequena e mediana empresa creáronse como un xeito de fomentar o emprendemento e favorecer a creación de emprego por conta propia a través de incentivos económicos ofrecidos polo Concello. As axudas están destinadas a colaborar no financiamento dos custes iniciais e de posta en marcha da actividade e poden chagar a un máximo de 2.500 euros.
Os proxectos que concorren este ano á convocatoria abranguen un amplo abano de actividades do sector comercio e do de servizos. Hai establecementos de venta de artigos de agasallo e para bebés, perruquerías, academia de ensino, servizo de guía turística, inmobiliaria, transporte, panadería, ocio infantil e impresión 3D. Todos eles teñen que ter iniciado a súa actividade nos últimos 12 meses de aí que as axudas municipais se destinen a sufragar os gastos iniciais de posta en marcha da actividade: trámites de constitución da empresa, asesoría, obras de acondicionamento do local, aluguer, adquisición de existencias iniciais de mercadorías, así como gastos correntes (auga, luz, teléfono…).
As axudas concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar a partida, e a fondo perdido, coa obriga de manterse de alta no Réxime correspondente da Seguridade Social durante un período mínimo de dous anos, contados dende a data de solicitude da axuda
Rematado o prazo de solicitude, a Concellería de promoción Económica comprobará se as propostas cumpren os requisitos das bases para, a continuación, resolver a convocatoria. O ano pasado das 17 solicitudes presentadas, concedéronse 14 subvencións entre as que se repartiron 29.244 euros. A media das axudas situouse en 2.000 euros, con 6 proxectos que obtiveron a contía máxima de 2.500.
Por outro lado, a Concellería de Promoción Económica informa de que ata o 30 de novembro seguirá aberto o prazo de solicitude das Axudas á Contratación por conta allea que o Concello de Vilagarcía convoca para incentivar ás empresas a contratar a persoas desempregadas ou a consolidar a situación laboral do persoal que xa teñen en plantel. Polo de agora, xa se recibiron 6 solicitudes.