TURISMO
Concello e Axencia Galega de Turismo abordan a inclusión do centro de peregrinos de Carril na rede de albergues da Xunta O goberno local de Vilagarcía pretende axilizar ao máximo o proxecto de creación e posta en marcha do albergue de peregrinos de Carril. Para avanzar no modelo da futura xestión das instalacións, os concelleiros de Turismo, Álvaro Carou, e de Urbanismo, Paola María, reuníronse esta semana coa directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e o xerente do organismo para abordar a inclusión do centro vilagarcián na rede pública de albergues do Camiño de Santiago que xestiona a Xunta de Galicia. Os membros do goberno local aproveitaron para entregar copia do proxecto de construción do albergue, cuxas obras están a piques de comezar.
31.10.2020.- No encontro celebrado en Santiago, Nava Castro informou aos membros do goberno local dos trámites a seguir para obter a integración do albergue na rede autonómica, así como dos distintos modelos de xestión que se ofertan. Segundo comentou, o Concello deberá presentar una solicitude formal que terá que aprobar o Consello do Plan de Xestión do Xacobeo, organismo que se encarga da xestión destes albergues.
Os concelleiros comunicaron á directora da Axencia Galega de Turismo que a construción do albergue comezará en breve, ao estar xa adxudicada a obra que financia o Concello de Vilagarcía a través de fondos provinciais. Tal como recomendara o conselleiro de Cultura na xuntanza mantida hai meses co alcalde e o concelleiro de Turismo cando lle foron a presentar a iniciativa, o proxecto redactouse conforme á normativa específica da Xunta para albergues públicos. Carou e María remitiron á Axencia de Turismo copia do proxecto para que os técnicos autonómicos o revisen. A continuación visitarán a Carril para reunirse co redactor do proxecto e a dirección de obra co obxecto de ver o emprazamento e , de ser o caso, realizar algunha suxestión a incluír.
En relación aos equipamentos do futuro albergue, Nava Castro comprometeu a concesión de liteiras e colchóns como primeira dotación para a posta en marcha do servizo de acollida de peregrinos de Carril.
A creación do albergue de peregrinos de Carril é un dos proxectos máis ambiciosos do goberno de Alberto Varela para o actual mandato e ten como obxectivo impulsar ao sector turístico local aproveitando a fonda tradición Xacobea coa que conta Vilagarcía, punto de inicio da Ruta Marítimo-Fluvial do Mar de Arousa-Ulla, o camiño primixenio.
Este novo servizo turístico crearase aproveitando a estrutura inacabada coa que no seu día ía a ampliarse a Casa de Cultura de Carril que se converterá nun moderno e funcional albergue de 443 metros cadrados de superficie, con capacidade para 30 persoas e dotado de todos os servizos necesarios. A obra adxudicouse a Marconsa por 522.000 euros ten un prazo de execución de 10 meses. Está previsto que os traballos comecen en novembro.