CONCELLO
O concurso de ideas para as piscinas da praia esperta o interese de firmas de diversos puntos de España e Portugal O Concurso de ideas convocado polo Concello de Vilagarcía para definir o deseño e construción das piscinas ao aire libre na praia da Concha-Compostela está acadando unha excelente repercusión en toda a península Ibérica, a xulgar polo número e procedencia das consultas que se están a recibir por parte de profesionais e firmas interesadas en participar. Dende que se fixo pública a convocatoria o pasado 21 de setembro, o Concello recibiu e respondeu a máis de medio centenar de consultas procedentes de diversos puntos de España e tamén de Portugal, principalmente sobre aspectos técnicos a ter en conta para concretar as propostas. O prazo límite para presentar os anteproxectos a concurso remata o día 2 de novembro.
29.10.2020.- Ao atractivo que ten para os profesionais da arquitectura e da construción deseñar unha infraestrutura como a que promove o Concello de Vilagarcía –un complexo de piscinas descubertas ao aire libre cos seus servizos complementarios e no marco dunha praia urbana- súmase o incentivo económico dos premios previstos na convocatoria. O autor da proposta gañadora obterá un premio en metálico de 7.000 euros, así como a adxudicación directa da redacción do proxecto construtivo e a dirección de obra, contrato valorado en 41.000 euros máis. Ademais, concederanse un segundo premio dotado con 3.500 euros e dous accésits de 2.000 euros cada un.
A maiores destes dous factores, tamén inflúe no alcance que está a ter a convocatoria a importante labor de difusión realizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que colabora co Concello na publicitación do concurso entre colectivos profesionaios de ámbito nacional e internacional e que tamén ofrece asesoramento e soporte técnico e participará no xurado que avaliará as propostas e fallará os premios.
Os profesionais, tanto persoas físicas como xurídicas, que desexen participar no concurso dispoñen de prazo ata o martes, 2 de novembro para presentar as súas ideas que deben cumprir os criterios e especificacións apuntadas nas bases dispoñibles na plataforma de contratación do Concello de Vilagarcía (sede.vilagarcia.gal) e na web do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (portal.coag.es).
Requisitos técnicos Os deseños deben emprazarse na área de 7.600 metros cadrados comprendida entre a segunda e a terceira pasarela de madeira (vindo dende o piñeiral da Concha cara a Compostela). A modo orientativo, o custe máximo da obra proposta non poderá superar os 400.000 euros.
Poderán proxectarse dous ou tres vasos descubertos, con subministro de auga da traída municipal tratada con solución salina, prevendo o sistema de cobertura automático dos vasos para o seu peche nocturno e fora de tempada. A proposta debe abordar o tratamento da contorna circundante ás piscinas, incluíndo zonas de descanso e sombra, primando as cuestións de accesibilidade, sustentabilidade, as hixiénico-sanitarias e a conexión coa praia. Tamén se deberán propor sistemas de iluminación, control, mobiliario urbano, xestión de residuos, zona de vixilancia, etc…
Ademais, os deseños deberán integrar o tramo da rede do carril bici que discorre paralelo ao paseo marítimo o “carril running” ou sendeiro creado de forma natural no extremo oposto polas persoas que acoden a correr á praia.
A construción de piscinas ao aire libre na praia da Concha-Compostela é unha das propostas máis innovadoras incluídas no programa electoral do goberno que preside Alberto Varela para dinamizar a praia urbana, polo tanto a idea xa viña de tempo atrás. A obra incluíuse na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible EDUSI “Vilagarcía Avanza” que o Concello financia con fondos FEDER da Unión Europea, destinados a execución de actuacións de impulso deportivo, de ocio, turístico, económico, de eficacia medioambiental e sostible, que sexan modélicas e estean adaptadas ás esixencias e sensibilidades sociais do noso tempo.
Tendo en conta os obxectivos marcados dende a Concellería de Urbanismo, Mobilidade e fondos FEDER e os criterios técnicos determinados polo COAG, o xurado premiará as propostas que, atendendo ás necesidades especificadas nas bases, se consideren modélicas en innovación, eficiencia y sustentabilidade enerxética.