DEPORTE
Aprobado o proxecto dos novos vestiarios no campo de fútbol de Bamio A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía dou o visto bo o luns ao proxecto para a ampliación dos vestiarios no campo municipal de fútbol de Bamio. A actuación ten un custe de 46.330 euros e consiste en habilitar dous novos vestiarios para complementar aos xa existentes. A obra atópase xa en proceso de contratación polo que, unha vez adxudicada e asinado o contrato, disporase dun prazo de execución de 1 mes para ter rematada a nova instalación.
29.10.2020.- Os dous vestiarios existentes no campo de Bamio resultan insuficientes a día de hoxe, especialmente dende a incorporación de novos equipos e a creación do equipo feminino por parte do club de fútbol, Bamio, principal usuario das instalacións deportivas municipais nas que tamén adestran as bases de Os Ingleses e algún equipo de categoría inferior do Arosa. Esta situación fai precisa a creación de dous novos vestiarios que permitan unha axeitada separación entre os de homes e mulleres. A carencia solventouse a tempada pasada mediante a instalación dunha caseta que actúa como vestiario provisional ata que non se rematen as obras agora proxectadas. Aínda que polo de agora ningún club está adestrando en Bamio debido ás restricións e normas de prevención do COVID, o Concello pretende construír os novos vestiarios coa maior brevidade.
As obras consistirán en construír dous vestiarios con aseos baixo a bancada, instalacións que contarán coas correspondentes instalacións eléctricas e de fontanería (saneamentos, rociadores, temporizadores, dous termos de auga de 300 litros de capacidade…). A realización desta obra obrigará a trasladar o actual local das oficinas, que se recolocarán nunha caseta de nova construción, convenientemente habilitada para acoller as funcións á que se destina.