URBANISMO
O Concello saca a licitación a obra de peonalización da rúa Camilo José Cela cun investimento de 230.384 euros Coincidindo co comezo da medición de aforos do tráfico no Piñeiriño para a posterior elaboración do plan de tráfico a implantar no barrio, o Concello saca a licitación a peonalización da Rúa Camilo José Cela, obra coa que se pon en marcha a ambiciosa transformación proxectada polo goberno local para humanizar e dinamizar esta populosa zona do municipio. A obra licítase por 230.384 euros (impostos incluídos) e ten un prazo de execución de 6 meses. As empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen de prazo para facelo ata o 16 de novembro.
28.10.2020.- A actuación proxectada afecta ao tramo de Camilo José Cela comprendido entre a encrucillada coas rúas Emilia Pardo Bazán e Fernández Gil e Casal nun extremo e coa de Julio Camba e Ramón Martínez polo outro. Este espazo converterase nunha praza central ou lugar de encontro atractivo e acondicionado para que os veciños poidan espallarse e fomentar as relacións de veciñanza. As obras devolverán a rúa á escala humana e encherana de vexetación exótica a distintos niveis, ademais de vestila dunha atractiva e orixinal pavimentación a base de mosaicos. A proposta completarase con iluminación ornamental e mobiliario urbano.
O proxecto realizado polo arquitecto Mariano Vázquez cumpre coas premisas básicas apuntadas dende o Concello: adaptar o espazo á escala humana e baixo criterios de completa accesibilidade, desterrar o coche co obxectivo de devolverlle á zona a esencia de barrio fomentando as zonas de estar e de circulación peonil, adaptarse aos escenarios de modificación do tráfico rodado no resto do barrio e permitir o acceso puntual de vehículos á zona obxecto desta actuación para a realización de tarefas de carga e descarga, acceso a garaxes, vehículos de emerxencia, etc... Ademais, a proposta debía actualizar e contemporaneizar a imaxe da rúa -ancorada nos canons dos anos 70-80, cando as rúas se formulaban para dar servizo aos coches en lugar de ás persoas, e os edificios colmataban os barrios que tiñan con beirarrúas moi estreitas e carecían de zonas verdes.
En base a estes criterios, a obra combinará pavimentos de formigón de diferentes grosores, en función de si se trata dunha zona exclusiva de peóns ou si ten que soportar paso de vehículos, e con tratamentos diferenciados (texturas, cores e formas) que permitan crear mosaicos xogando coa repetición de formas xeométricas e motivos florais.
A vexetación configuraríase a tres niveis (baixo mediante o uso de plantas, a medio nivel con arbustos e, nun plano máis elevado, con árbores). Estas zonas verdes confinaríanse en parterres e xardineiras que permitan un minimizar as labores de mantemento e contarán con sistema de rego. Plantaranse plantas aromáticas, de froito e especies exóticas que aportarán gran variedade de colorido e aromas.
A proposta completarase cunha iluminación humanizada, a base de sistemas de led empotrados no chan que formarían sendas de luz e resaltarían a arquitectura, as contornas naturais e as árbores; todo isto utilizando cores cálidos e que aporten un elevado confort visual.
Reunións coas comunidades de veciños
O proxecto de humanización foi presentado polo goberno a un total de 115 comunidades de veciños dos edificios e titulares de vivendas unifamiliares tanto da Rúa Camilio José Cela, como situadas nas restantes rúas do barrio. Celebráronse seis xuntanzas no Concello nas que, ademais de explicar a actuación prevista e os obxectivos da mesma, se escoitou a opinión e recolleron propostas dos veciños.
A maiores, a concelleira de Urbanismo tamén recibiu a veciños de forma particular e mesmo mantivo un encontro con representantes da Plataforma. Froito de todos estes encontros, dado que unha das maiores preocupacións dos habitantes das Pistas era a repercusión da peonalización na circulación de vehículos, o Concello comprometeuse a realizar un estudo de tráfico para deseñar un plan de tráfico adaptado ás novas circunstancias. Os traballos de campo deste estudo comezaron hoxe mesmo co inicio da medición de aforos.