MULLER
Igualdade pon en relevo nunha campaña a importancia social dos coidados e a feminización destes traballos A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía pon en marcha unha campaña destinada a poñer en relevo a importancia que a labor dos coidados ás persoas ten, tanto para o desenvolvemento social como económico, así como para chamar a atención sobre o elevado grao de feminización deste tipo de traballos. Baixo o título “Poñamos os coidados no centro”, a campaña de información e sensibilización desenvolverase do 7 ao 18 de outubro e consistirá nunha exposición ao aire libre, unha charla coloquio e a proxección dun documental.
06.10.2020.- O departamento que dirixe Tania García organiza esta iniciativa no marco do III Plan Municipal de Igualdade do Concello de Vilagarcía, en concreto no apartado correspondente á “Conciliación, corresponsabilidade e calidade de vida”, e como consecuencia da crise do Covid, que colocou enriba da mesa a relevancia de traballos relacionados cos coidados e coa cobertura das necesidades esencias das persoas. Pese a terse demostrado que se trata de tarefas que son absolutamente indispensables para o mantemento da vida e da economía, o certo é que están infravaloradas e, ademais, teñen en común que son desempeñadas maioritariamente por mulleres.
Con esta campaña preténdese promover a reflexión acerca destas tarefas e da súa centralidade no funcionamento social e económico. Ademais, a iniciativa trata de contribuír á democratización dos coidados como unha responsabilidade das políticas de igualdade e benestar e do conxunto da sociedade, así como contribuír ao avance cara unha sociedade máis igualitaria e menos violenta.
A campaña ábrese mañá pola tarde coa inauguración da exposición na Praza de Galicia, acto co que se pretende recoñecer a importancia que tiveron as redes de coidados e os grupos de voluntarios que prestaron os seus servizos durante o confinamento para poder levar a cabo estas labores de coidados e atención ás persoas de colectivos máis vulnerables durante a pandemia. Tamén mañá,pero ás sete da tarde terá lugar no Auditorio a charla coloquio “poñer os coidados no centro”, na que intervirán como relatores a antropóloga, enxeñeira, profesora e activista ecofeminista, Yayo Herrero; e a doutora en Mediciña pola USC, Lola Ferreiro.
Dentro da mesma campaña e coa colaboración do Cine Club Adega, o 14 de outubro proxectarase no Salón Garcia o documental dirixido por Palmira Escobar Martos, “S.A.D. Las hadas existen”.