TURISMO
Concello e Porto dan o primeiro paso para converter o antigo Club de Mar nunha estación marítima O Concello e a Autoridade Portuaria celebraron este venres una reunión na que se abordaron iniciativas de interese para a cidadanía, como é a potenciación del Peirao de Pasaxeiros e o antigo Club de Mar como referentes do turismo náutico na ría e en Galicia. Despois da petición cursada hai unha semana polo concello, a directora do Porto, Begoña Mesejo, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou mantiveron unha xuntanza na sede da Autoridade Portuaria.
05.10.2020. O obxectivo da reunión era abordar a posibilidade de crear unha estación marítima no edificio do antigo Club de Mar, pero o encontro deu pé a unha formulación máis ambiciosa, orientada á posta en valor de todo o peirao de Pasaxeiros -una parte moi importante da fachada marítimo-portuaria da cidade- cunha aposta decidida cara o turismo e as actividades náuticas, de tal xeito que este enclave privilexiado reforce a súa importancia como lugar de ocio y lecer para visitantes e tamén para os vilagarciáns.
As dúas institucións coinciden en que poñer en valor o peirao de pasaxeiros e dotar a Vilagarcía dunha estación marítima é una prioridade. De feito, así está contemplado no Plan Especial do porto e igualmente enlazan cunha das liñas do Plan Estratéxico da Autoridade Portuaria, que é o fomento da náutica recreativa. E, como se sabe, recuperar a tradición náutica e xacobea é tamén unha das bases da estratexia turística do concello, na que se inclúen, entre outras, a construción dun albergue de peregrinos no Carril ou os convenios cos axentes turísticos da cidade e outras institucións para crear novos produtos turísticos.
A celebración, dentro dun ano, do Xacobeo, con posibilidades de que sexa ampliado a 2022, será un aliciente para seguir traballando neste proxecto, tendo en conta ademais que o Porto de Vilagarcía conta coa consideración de Porto Xacobeo. Paralelamente ao desenvolvemento do proxecto para esta área, deberá xestionarse o traslado a un emprazamento alternativo da entidade deportiva que actualmente ocupa algunhas das instalacións na cabeceira do Peirao de Pasaxeiros. Ao respecto, e despois deste encontro inicial, unha futura reunión da alcaldía e a presidencia do Porto servirá para artellar a fórmula máis apropiada para facer realidade esta iniciativa.
En calquera caso, a reunión do venres marca o inicio dun proceso que debera acabar coa conversión do antigo Club de Mar nunha estación marítima que sirva de apoio ás iniciativas públicas, pero tamén privadas, e así mesmo se converta en polo de atracción cara a unha das zonas de uso público de titularidade portuaria como é o Peirao de Pasaxeiros. Hoxe, hai varias empresas que operan en Vilagarcía con rutas pola ría e o río e tamén á illa de Cortegada e precisan dun lugar de referencia.
Ao tempo, o Concello traballa con operadores privados, ademais das mancomunidades do Salnés e de Arousa Norte e o Concello de Santiago, no desenvolvemento de novos produtos e experiencias turísticas arredor do camiño xacobeo fluvial e marítimo, a orixe de todos os camiños, e todos consideran que a Autoridade Portuaria debe ser unha peza fundamental nesa estratexia. O porto arousán, pola súa banda, mantén aberta unha liña de traballo con Turismo de Galicia para colaborar no aproveitamento dos recursos turísticos do porto, e coopera con outras entidades públicas e privadas para a súa potenciación como escala en itinerarios turísticos por vía marítima.