CULTURA
Os Bolechas regresan a Vilagarcía o 3 de outubro cunha historia sobre as peregrinacións xacobeas A familia máis entrañable e coñecida en Galicia, a dos Bolechas, regresa a vindeira fin de semana a Vilagarcía cun novo espectáculo baseado na tradición das peregrinacións xacobeas a Compostela. “A Porta dos Camiños” represéntase o sábado, 3 de outubro ás 18.00 horas no Auditorio a través dio programa “FalaRedes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística A entrada é de balde, previa retirada de invitación a través de ataquilla.com. Dadas as restricións impostas polo covid, o aforo redúcese a 60 butacas numeradas.
25.09.2020.- “Os Bolechas e a porta dos Camiños” é un espectáculo recomendado para o público infantil de ata 8 anos de idade. Nesta nova historia protagonizada polos irmáns Bolechas (Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá) e a súa inseparable mascota, Chispa, o público coñecerá a Haker Mater, un programador informático que está poñendo a punto a 'Porta dos Camiños', unha máquina que axuda a elixir un dos moitos Camiños de Santiago ás persoas que queren peregrinar pero non saben por que vía facelo. O que pasa é que a máquina leva 11 anos sen funcionar e parece que precisa algúns arranxos, e os Bolechas son expertos en amañar cousas… Coa axuda do público conseguirán non só facer funcionar a Porta dos Camiños, senón tamén aprender unha chea de cousas sobre algunhas das principais vías de peregrinación. E mesmo axudarán ao Peregrino Faustino a elixir Camiño!