CONCELLO
A maioría dos 57 casos de Vilagarcía están no tramo dos 20 aos 40 anos O Concello de Vilagarcía tiña 57 casos rexistrados de coronavirus no momento en que a Xunta decretou unha serie de restricións nas relacións sociais en todo o termo municipal, para tratar de conter o avance do virus. Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa, estas medidas non teñen tanto que ver co número de casos –que é relativamente baixo- senón coa evolución que o Sergas veu observando ao longo do mes de setembro. O alcalde pide a máxima colaboración dos veciños para tratar de superar esta crise.
25.09.2020. Na súa rolda de prensa de valoración da situación creada trala inclusión da cidade na lista de concellos que teñen algún tipo de restrición, o alcalde non cuestionou o fondo da decisión, porque o primeiro é tratar de atallar a difusión do virus, pero si criticou as formas da Consellería de Sanidade. Alberto Varela, como tantos outros alcaldes, di “non entender” a decisión de non informar aos gobernos locais da evolución da pandemia ata o momento en que pasan a engrosar a lista daqueles que pasan a unha fase de maior restrición. “Os veciños –dixo- teñen dereito a saber que está pasando. Dende logo, nós imos colaborar do xeito máis eficaz posible”, pero aínda o sería máis si se tivera información previa. O que non parece moi correcto, argumentou, é que hostaleiros, comerciantes, empresarios e cidadáns en xeral coñezan ás 10 da noite, cando se publicou a resolución no DOGA, as medidas que van condicionar os seus hábitos de vida e de traballo a partir de dous horas despois. “Que pasaría se mañá tivésemos mercado? Como facemos para, dun día para outro, reducir o aforo á metade?”, preguntouse o alcalde, a xeito de exemplo das consecuencias desa maneira de actuar.
En calquera caso, e tras facer un repaso ás restricións xa coñecidas –acceso a establecementos hostaleiros e comerciais, aforos en espectáculos, recomendacións para saír á rúa, etcétera-, o alcalde fixo un novo chamamento á responsabilidade cidadá. Subliñou que, como lle transmitiron as autoridades sanitarias, a maioría dos contaxios están en dúas franxas moi determinadas: de 20 a 30 anos, a principal, e de 30 a 40, a segunda, o cal dá unha idea de cal é a orixe deses contaxios: o ocio e as reunións familiares e de amigos. Alberto Varela subliñou que 57 caos supoñen o 0,15% dunha poboación de 38.000 habitantes, e que a decisión da Xunta ten máis que ver coa evolución dos últimos días e semanas que cos números absolutos, pero precisamente por iso apelou á responsabilidade de cada veciño para evitar que o que son contaxios puntuais poidan converterse en brotes.
Para tratar de conter a evolución, o alcalde anunciou que, de acordo co transmitido polo Sergas, todos os axentes da Policía Local, os traballadores do Servizo de Axuda no Fogar e todos os hostaleiros (propietarios e asalariados) serán chamados para realizar probas de PCR.