OBRAS E SERVIZOS
Espina e Delfín executará a obra para levar saneamento á zona máis elevada de Pedramogueira Tras moitos anos demandándoo, a decena de familias que habitan no alto de Pedramogueira xa so terán que esperar uns meses máis para poder conectar as súas vivendas á rede municipal de saneamento, posto que o Concello vén de adxudicar as obras para estender este servizo básico ata o lugar situado na zona máis elevada de Renza. A empresa Espina e Delfín será a encargada de executar os traballos ao ter presentado ao oferta mellor valorada en canto á relación calidade-prezo de entre as 36 que se presentaron ao concurso. A obra adxudicouse por importe de 102.333 euros (49.497 euros por debaixo do prezo de licitación) e por un prazo de execución de 3 meses.
28.08.2020.- A actuación que se vai a levar a cabo é bastante complexa debido á orografía da zona, con unha gran flutuación de cotas nunha distancia relativamente curta. Esta circunstancia, que é tecnicamente salvable, implica, non obstante, un custe moi elevado para dar servizo a un núcleo moi reducido de vivendas. Maila isto, o goberno que preside Alberto Varela, decidiu acometer a obra para que a media ducia de familias que habitan a zona máis afastada do núcleo de Pedramogueira poidan dispor do servizo de saneamento igual que o resto dos veciños do municipio.
Para proxectar a obra foi preciso contratar previamente un estudo topográfico para concretar con exactitude as diferentes cotas que deben salvarse, dado que a zona presenta variacións de fortes pendentes, os medios de impulsión que será necesario instalar e a potencia dos mesmos, así como o seu mellor emprazamento e o trazado máis eficaz da rede. Ademais, o proxecto a executar coa obra licitada elaborouse tendo en conta actuacións futuras, de xeito que a rede que se vai a instalar agora poida conectarse máis adiante a un novo ramal de Renza, coa previsión de dar servizo a máis vivendas da parroquia.
Para ir gañando tempo mentres se licitaba a obra, o Concello foi tramitando os necesarios permisos de Augas de Galicia e do departamento de Estradas da Xunta, dado que un dos bombeos emprazarase nas proximidades dun regato e a canalización discorrerá por unha vía de servizo que da acceso á estrada autonómica que vai dende a rotonda de Renza á zona do Rial.