TRÁFICO
O Concello pedirá á Xunta o paso de peóns que demandan os veciños no cruce das rúas San Cibrán e Bouza de Arriba O Concello de Vilagarcía leva varios meses intentando mellorar a seguridade viaria para os peóns que teñen que atravesar a Avenida de Cambados no tramo no que lindan as parroquias de Sobradelo e Vilaxoán. As peticións realizadas ata o momento foron denegadas pola Xunta de Galicia, titular da estrada. Maila isto, o Concello tamén demandará ao organismo autonómico o paso de peóns regulado por semáforo que piden os veciños de Vilaxoán na encrucillada esta avenida coas rúas San Cibrán e Bouza de Arriba.
27.07.2020.- A última petición realizada dende o Concello data do mes de novembro, segundo o acordo adoptado na Xunta de Goberno do día 12 dese mesmo mes. Nese momento demandábase a instalación dun paso de peóns á altura do cruce da avenida de Cambados coa rúa Ameixeiras. A petición baseábase na necesidade de contar cun elemento que aumentase a seguridade viaria dos peóns que atravesan este punto concreto da vía para facer uso da parada de autobús, especialmente dos estudantes que acoden ao instituto Armando Cotarelo. A petición foi rexeitada polo Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas alegando “falta de visibilidade”. No mesmo escrito, do que a Xunta de Goberno tivo coñecemento na sesión do 25 de novembro, o servizo autonómico advertía que nesa vía xa existía un paso de peóns regulado por semáforo a tan so 130 metros.