CONCELLO
O Concello convocará aos representantes das comunidades de veciños do Piñeiriño para explicarlles o plan de humanización O goberno local de Vilagarcía reunirase cos veciños do Piñeiriño a semana do 27 de xullo para explicarlles o proxecto de humanización que manexa o Concello para o tramo central da Rúa Camilo José Cela e escoitar as súas opinións e suxestións. Dada a pandemia que estamos a vivir, o Concello está concretando o sistema baixo o que se celebrará este encontro, previsiblemente por grupos reducidos que permitan garantir os aforos e as normas de distanciamento para a prevención do COVID. Co obxectivo de cumprir estas normas e tamén de que sexan realmente os propios afectados os que opinen sobre este proxecto, o Concello convocará á reunión a un representante de cada comunidade de propietarios das vivendas do barrio.
17.07.2020.- Os plan de humanización do Piñeiriño non é unha novidade. De feito, o equipo de Alberto Varela xa presentara no mesmo barrio as liñas xerais da proposta durante a campaña das pasadas eleccións municipais como unha das actuacións do programa socialista a executar no presente mandato. Agora que xa está en proceso de contratación a primeira fase do plan (con ensanche de beirarrúas, mellora de accesibilidade e ornamentación vexetal) nas rúas Fontecarmoa, Francisco Porto e Álvaro Cunqueiro, e cando xa se ten máis perfilada a actuación que se pretende executar no tramo central de Camilo José Cela, o goberno explicará a proposta aos veciños da zona, así como as solucións ao tráfico rodado. Con este mesmo fin, xa en semanas anteriores mantivéronse reunións cos representantes da asociación de veciños e dos locais hostaleiros da zona.
Independentemente de que calquera persoa está no seu dereito de manifestar a súa opinión, o executivo entende que deben ser as persoas residentes nas Pistas, as realmente afectadas pola actuación que se está a propoñer, as que deben acudir a estas reunións. Esta aclaración faise precisa despois de ter contrastado as identidades que aparecen no listado de firmas presentadas ante o Concello manifestado a súa oposición ao proxecto, e de comprobar que das 671 sinaturas, tan só 239 pertencen a veciños do Piñeiriño (só un terzo do total). É dicir que as 432 restantes son de persoas que residen noutros puntos do municipio (233), de persoas que non están censadas en Vilagarcía (183), e ata hai 14 firmas repetidas.
En todo caso, o goberno local mantén firme o compromiso adquirido xa no anterior mandato coa veciñanza do Piñeiriño, un barrio esquecido durante anos, que esixe unha fonda remodelación e modernización para adaptalo aos criterios de accesibilidade, humanización e benestar que os seus residentes se merecen. Así o manifestaron en numerosas ocasións os veciños das Pistas polo que, co obxectivo de atender as súas demandas, o goberno presenta a proposta que permitirá que crear un gran espazo de esparexemento, lugar de encontro em convivenza que, “estamos convencidos, incidirá de xeito moi positivo na calidade de vida de toda a veciñanza do Piñeiriño”. Dende o Concello lémbranse actuacións recentes de humanización que, a priori, contaron con certa oposición e que, unha vez executadas, foron aceptadas e moi valoradas polo conxunto da cidadanía, como a da Praza de Galicia, Independencia, Rey Daviña ou Castelao.