DEPORTE
A Fundación adapta á oferta deportiva de verán ás necesidades xurdidas como consecuencia da pandemia A Fundación Municipal de Deportes presenta este ano unha programación deportiva de verán totalmente renovada e adaptada ás necesidades e ás circunstancias impostas pola pandemia do coronarivus. Incidindo máis que nunca na necesidade do coidado da saúde a través da práctica de actividade física, as actividades buscan tamén o benestar psicosocial, favorecer as relacións sociais e loitar contra o sedentarismo e a obesidade, aspectos todos que se viron resentidos durante o confinamento. Ademais, todas as actividades seguirán un protocolo de control e respectarán as normas hixiénico sanitarias contra o COVID. Como sempre, a participación será de balde e non é necesaria inscrición previa, excepto para anotarse nos torneos.
11.07.2020.- O programa, que está aberto a toda a veciñanza e tamén ás persoas que visitan Vilagarcía durante o verán, desenvolveranse entre o 15 de xullo ao 28 de agosto. As actividades centralizaranse en Fexdega, dado que o recinto permite realizar de forma moi sinxela o protocolo de control antes de entrar ao recinto para participar nas actividades. As sesións serán conducidas polos técnicos da Fundación de Deportes e foron deseñadas de xeito que se garanta o respecto ás medidas hixiénico sanitarias para a práctica deportiva establecidas na lexislación vixente.
Como consecuencia desta adaptación ás circunstancias especiais que vivimos, cambia tamén a carta de oferta da Fundación. Este verán impartiranse catro tipo de actividades: Aerotono, Actividade física familiar, Actividade física con implemento e Ioga familiar. Ademais, celebrarase o Torneo de Tenis de Verán e o Torneo de Bádminton.
Horarios:
Actividade física familiar: Todos os días (de luns a venres) en horario de mañá de 9:00 a 10:00 horas e os luns, mércores e venres de 10:00 a 11:00 h. Aerótono: Os martes e xoves en horario de mañá, de 10:00 a 11:00 horas cun grupo de actividade. Actividade física con implemento: Os martes e xoves en horario de 9:00 a 10:00 horas e de 10:00 a 11:00 horas, cun grupo de actividade. Ioga en familia: Os luns e mércores en horario de 10:00 a 11:00 horas. Para asistir a estas actividades non é preciso inscribirse previamente, basta con chegar a Fexdega uns minutos antes da hora de inicio.
Inscricións nos torneos
Para o que si fará falta inscrición çé para participar nos dous torneos que se organizarán este verán. O prazo xa está aberto e remata o 24 de xullo.
O XVIII Torneo de Tenis de Verán celebrasede do 20 de xullo ao 28 de agosto no Complexo Deportivo Municipal de Fontecarmoa utilizando dúas pistas de tenis para o seu desenvolvemento.
Poderán participar todas as persoas que queiran independentemente do sexo e idade, segundo as categorías que a continuación se establecen: • Categoría A : do 2009 ao 2012 (de 8 a 11 anos) • Categoría B: do 2003 ao 2008 (de 12 a 17 anos • Categoría OPEN: do 2002 ao 1969 (aberta) • Categoría Veteranos/as do 1970 e anteriores
No IV Torneo de Bádminton dobres de Verán poderán participar todas as persoas que o desexen (nadas a partir do 2004 e anteriores) nunha mesma categoría absoluta, sendo as parellas masculinas, femininas ou mixtas. O Torneo comeza o venres 31 de xullo e celebrarase os xoves e venres do mes de agosto podendo variar as datas da celebración do mesmo, dependendo no número de inscricións.