EMPREGO
O Concello “licencia” aos alumnos do Labora Xove con 3 xa insertados no mercado laboral O Concello de Vilagarcía despediu este mediodía aos alumnos e alumas participantes no Obradoiro de Emprego Labora Xove que acaban de rematar a formación recibida nos últimos meses nas especialidades de “Socorrismo en espazos acuáticos” e “Promoción turística local e información ao visitante”. A concelleira de Formación e Emprego, Alba Briones, e o edil de Servizos, Lino Mouriño, presidiron o acto celebrado no salón nobre de Ravella e no que, ademais de felicitar aos alumnos por ter completado a formación, amosaron a súa satisfacción porque 3 deles xa estean a piques de asinar un contrato laboral en base á titulación obtida. Trátase de 3 socorristas que, en breve, comezarán a traballar no servizo de vixilancia de praias tras ter superados as probas de acceso.
07.07.2020.- No Labora Xove participaron 16 mozos e mozas, 8 en cada un dos módulos. A formación comezou a impartirse en setembro e, dado que as clases tiveron que paralizarse a falta de dúas semanas para rematar a actividade debido ao estado de alarma pola crise do COVID, o Concello decidiu ampliar o obradoiro ata despois do confinamento, para que os asistentes puidesen completar a formación que lles permitía obter o certificado de profesionalidade que se lles esixe á hora de acceder ao mercado laboral.
O Concello de Vilagarcía deseña anualmente os proxectos dos obradoiros de Emprego Labora Xoven, tratando de ofrecer formación en nichos de emprego pouco explotados, con potencial na zona e que ofrecen moitas posibilidades para que a poboación á que vai dirixida, mozos e mozas, poida atopar traballo en sectores en auxe como son todo o relacionado co turismo debido ao Ano Xacobeo e tamén ao de vixilancia e socorrismo de praias, onde anualmente se pon en evidencia a carencia de persoal titulado que existe para cubrir a elevada demanda.