NOVAS TECNOLOXÍAS
Os estudantes vilagarciáns poderán usar a aula CEMIT de Matosinhos para realizar os exames “online” das universidades Para garantir a oportunidade de que todos os estudantes das universidades galegas residentes en Vilagarcía poidan examinarse a través de medios telemáticos, o Concello de Vilagarcía pon a súa disposición a aula CEMIT emprazada no Centro Municipal de Formación de Matosinhos. A medida ten como obxectivo evitar os riscos que conleva a realización das probas presenciais durante a pandemia do COVID, á vez que garantir que os universitarios que non dispoñen de conexión telemática poidan igualmente acceder a este sistema de exame e non teñan que desprazarse ao centro universitario. Para facilitar este servizo, o Concello adheriuse ao convenio de colaboración subscrito entre a FEGAMP e as tres universidades galegas (Santiago, Vigo e Coruña).
17.06.2020.- Para facer uso da aula CEMIT os alumnos interesados deberán rexistrase previamente como usuarios da Rede CEMIT, trámite que poderán realizar na URL https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios A continuación, e cunha antelación mínima de unha semana antes da data do exame, deberán reservar praza para poder realizar o exame na aula da localidade. Para cumprimentar a solicitude deben entrar en https://cemit.xunta.gal/buscador , incluír no buscador “Conectividade-Exame para universitari@s” ; a localidade elixida e seguir os pasos que se lles vai indicando.
O compromiso do Concello, ademais de poñer a disposición a aula, é garantir a presenza dun axente TIC para facer as conexións pertinentes, e encargarse da xestión das reservas. Tamén se responsabilizará de facer cumprir as normas de aforo e separación de 2 metros entre as persoas que estean realizando o exame na aula.
Unha vez aceptada a solicitude, o alumno deberá presentarse o día do exame cunha antelación de 30 minutos antes da hora inicio do exame para poder realizar a conexión e as probas pertinentes. O alumno deberá levar da súa conta o material hixiénico sanitario necesario (máscara, luvas e demais), así como o equipamento propio para a realización do exame: portátil, tablet ou o dispositivo que dispoña dos requirimentos necesarios para realizar a proba. No caso de que a proba conteña audio, o alumno deberá levar auriculares para non molestar ao resto dos usuarios. Tamén terá que levar o seu móbil para darse de alta para o uso da rede wifi da Xunta de Galicia.
Para calquera aclaración, os interesados poden consultar a través do teléfono 981 910 359 ou a través do correo cemit@xunta.gal