CONCELLO
O reforzo do camión de Fomento permitiu desinfectar 20 quilómetros de vías principais do municipio As labores de desinfección de rúas, beirarrúas prazas e zonas peonís que está levando a cabo a diario o Concello dende os primeiros días da pandemia víronse reforzados onte coa chegada dun camión de gran capacidade cedido polo Ministerio de Fomento. O vehículo, do que se utilizan habitualmente para mantemento de estradas en casos de temporal de neve e xeo, cambiou o antinconxelante por unha solución de lixivia diluída en auga para desinfectar case 20 quilómetros das principais vías e accesos do municipio.
28.04.2020.- O camión, dotado cunha cisterna cunha capacidade de 10.000 litros e cun sistema de nebulizador de líquidos na súa parte traseira, comezou a operar nas estradas municipais a última hora da tarde de onte, traballando durante a noite para interferir o menos posible na circulación. Dado o ritmo lento ao que desenvolve as tarefas e tamén por precaución, o camión do Ministerio contou co acompañamento do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, que cun vehículo se encargou de abrir a pequena caravana e sinalar o roteiro a seguir, mentres que outro a pechaba para garantir a distancia de seguridade entre o camión, que nebuliza o produto desinfectante pola parte traseira, e o resto de vehículos que puideran atoparse polas vías.
As vías que foron desinfectadas repartíronse en catro rotas, sumando en total 19,5 quilómetros de vías. O camión pasou pola avenida de Cornazo (dende o cruce de Santa Mariña), avenida Agustín Romero, Avenida de Matosinhos e avenida Doutor Tourón. O segundo roteiro desinfectado foi o que discorreu pola Rúa O Vento, Daniel Espiño e as vías do polígono industrial de Trabanca Badiña. O camión tamén pasou pola Avenida de Vilanova, Avenida de Cambados, o restante tramo de Doutor Tourón e a avenida de Rodrigo de Mendoza ata a rotonda da Porta da Luz Salgada. O último percorrido desinfectado afectou á Avenida de Pontevedra (dende o cruce do camiño Feiranova cara o centro), Avenida das Carolinas, Juan Carlos I, Avenida Rosalía de Castro, Valentín Viqueira e a Rúa Salgueiral ata o polígono de Bamio.
Pola súa banda, a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza de rúas, Cespa-Ferrovial segue desinfectando a diario todos os espazos públicos da cidade mediante o uso dos equipos habituais de limpeza, máquinas varredoras, cubas de baldeo e camións cisternas, usando en todas elas e mesma solución de auga don lixivia. Estes traballos refórzanse con limpeza manual mediante persoal dotado de mochilas fumigadoras para desinfectar beirarrúas estreitas e outros lugares aos que non poden acceder as máquinas. Os traballos están xeneralizados en todas as rúas e zonas do municipio, con especial atención aos lugares de maior acceso de persoas, como accesos a supermercados, farmacias, centro de saúde...etc, e dende a entrada en vigor das medidas de alivio, tamén nos espazos públicos a onde acoden a camiñar as persoas con nenos.