CONCELLO
O Concello activa un servizo para asesorar a Pemes e autónomos en relación á crise do COVID O Concello de Vilagarcía activa dende mañá, 31 de marzo, un novo servizo dedicado a asesorar e resolver as dúbidas que se lle presenten a autónomos e a pequenos e medianos empresarios en relación ás medidas establecidas como consecuencia da crise sanitaria. O servizo funcionará de forma telemática a través da liña telefónica 663 213 859 e do correo electrónico tle@vilagarcia.gal
30.03.2020.- O goberno local pon en marcha esta iniciativa atendendo ás inquedanzas que están a recibir por parte dos profesionais destes sectores, tanto polas dúbidas que teñen en relación a como deben aplicar as medidas ditadas polo Goberno do Estado, como sobre ás axudas ou prestacións ás que se poderán acoller. Ademais, coa posta en marcha deste servizo, o executivo vilagarciá pretende clarificar coa maior axilidade posible as opcións das que dispoñen autónomos e pequenos empresarios para que inicien canto antes os trámites precisos para contrarrestar os efectos económicos da crise unha vez se retome a actividade produtiva.
A técnico de promoción económica será quen atenda as consultas e quen proporcione o asesoramento legal e xurídico necesario aos interesados, todo isto de forma telemática. Recoméndase que as consultas máis complexas ou extensas se fagan a través do correo electrónico para deixar libre a liña telefónica para as dúbidas máis sinxelas.