SERVIZOS SOCIAIS
O Concello utilizará a residencia dos Pais Claretianos como aloxamento alternativo para unidades familiares en situación de risco O Concello de Vilagarcía chegou a un acordo coa Orde dos Misioneros Claretianos para dispoñer da zona residencial do convento de “Los Padres” para dar aloxamento a unidades familiares que poidan atoparse en situacións de risco derivadas da crise sanitaria do coronavirus. O acordo permitirá ao Concello dispoñer de forma gratuíta dos 13 dormitorios do segundo andar do edificio da Praza da Constitución, en desuso dende que a Orde pechou ás instalacións hai uns anos, para aloxar ás persoas que, segundo unha avaliación previa dos Servizos Sociais Municipais, precisen deste servizo.
28.03.2020.- Pese a levar uns anos baleiras, as instalación atópanse en bo estado. As 13 habitacións do segundo andar están totalmente amobladas e contan con baño individual o que, en caso de ser necesario, tamén facilitaría o illamento de persoas en corentena por dar positivo en coronavirus ou por ter estado en contacto con algún enfermo.
Inicialmente habilitarase 8 habitacións, coa posibilidade de ampliar o número en caso de ser necesario, e a zona da sala de estar. As persoas derivadas polos Servizos Sociais poderán pasar o confinamento nelas, respectando as normas do estado de alarma como calquera outro cidadá. Dado que as habitacións non dispoñen de cociña, o Concello garantirá a alimentación dos usuarios a través dun servizo de entrega a domicilio contratado cun establecemento hostaleiro da localidade.
A cesión por parte dos Claretianos é totalmente altruísta, polo que o Concello soamente terá que facerse cargo dos gastos de mantemento das instalacións (auga, luz, limpeza..) durante o tempo que as utilice, así como do seguro de responsabilidade civil, o que quedará recollido nun convenio. A previsión é que o aloxamento alternativo para unidades familiares en situación de emerxencia derivada da crise sanitaria estea en disposición de ser utilizado a mediados da vindeira semana, e sempre en función das necesidades detectadas polos Servizos Sociais.
Operarios de Obras do Concello revisarán as instalacións para realizar unha posta a punto dos servizos de luz, auga quente, calefacción… e por último farase unha limpeza xeral para que todo estea en perfecto estado no caso de que sexa preciso utilizar os aloxamentos.
O goberno local agradece publicamente á Orde dos Misioneros Claretianos a disposición a colaborar que amosaron dende o primeiro momento no que se lles trasladou a proposta municipal, “un exemplo máis da solidariedade que, agora máis que nunca, é necesaria para afrontar as consecuencias da pandemia do COVID 19 e á que so poderemos vencer loitando xuntos e remando nunha mesma dirección”.