CONCELLO
Un control de carretera sáldase con 9 denuncias por viaxar máis dunha persoa nun mesmo vehículo sen causa xustificada Transcorridos dez días dende que o Estado decretase o estado de alarma pola pandemia do COVID 19 e despois dunha primeira fase didáctica e informativa sobre as normas que se deben seguir durante o confinamento para tratar de frear a propagación do coronavirus, a Policía Local intensifica os controis para garantir o cumprimento das mesmas. Tan só onte nun control de carretera, a Policía cursou 9 denuncias por viaxar máis dunha persoa nun mesmo vehículo sen causa xustificada. O endurecemento da vixilancia irá acompañada de información máis concreta a través da nova mensaxe que se difundirá a poboación a través do sistema de megafonía que leva a cabo o servizo Municipal de Emerxencias, así como polas redes sociais do Concello e desta páxina web.
24.03.2020.- Dende o Concello de Vilagarcía lémbrase que é esencial que a cidadanía cumpra coas normas do confinamento. Aínda que a inmensa maioría así o está facendo, a irresponsabilidade duns poucos resta eficacia ás medidas de contención do virus e incrementa os riscos de propagación. Por iso, dende Ravella volve a facerse un chamamento para que, polo ben individual e polo colectivo, todos sexamos máis estritos no cumprimento destas normas, de xeito que a pandemia se poida conter canto antes.
No caso concreto das denuncias cursadas onte, en todos os casos tratábase de dúas persoas que viaxaban no mesmo vehículo para facer a compra, tarefa que perfectamente pode facer unha soa persoa sen necesidade de acompañamento. As denuncias tramitadas pola Policía trasládanse á Subdelegación do Goberno que é o organismo que ditaminará a sanción que corresponda en cada caso.
Como xa se sabe, só se pode saír da casa para acudir ao lugar de traballo, para a adquisición de produtos básicos (alimentación, farmacia…), acudir ao médico en caso de necesidade ou ir a asistir a persoas dependentes. En todos os casos, deberá saír unha soa persoa. Pódese sacar á mascota, igualmente unha soa persoa, pero so durante un tempo razoable e pola contorna da vivenda. No caso de desprazamentos en vehículos, non poderá viaxar máis dunha persoa nun mesmo vehículo, coas excepcións de acompañar a un dependente, un neno ou trasladar a outra persoa a un centro sanitario, e outros casos convenientemente xustificados.