OBRAS E SERVIZOS
O Concello licita a segunda fase do plan de asfaltado de camiños rurais cun investimento de145.294 euros A plataforma de contratación do Concello publicou onte o anuncio de licitación da obra da segunda fase do Plan Municipal de Asfaltado de Camiños Rurais, unha actuación na que se investirán 145.294 euros (impostos incluídos) que o Concello financiará con cargo aos fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación. As empresas interesadas en facerse co contrato poden presentar as súas ofertas ata o día 25 de marzo.
06.03.2020.- O proxecto relativo á segunda fase deste plan de asfaltados recolle actuacións en camiños de Rubiáns (Rúa do Charco-Loenzo), Bamio (Travesía Nogueirido), A Laxe (Rúa Monte Xaquín, Quinteiro e Marmelo), Faxilde (Rúa do Xogo), Aralde Rúa de Aralde e Camiño Prata), e en Cornazo (Rúa Baixada a Pasos, Rúa A Pedra, Camiño da Balada, Rúa Veiga e Camiño dos Borrizos). O prazo de execución das obras, unha vez adxudicado e asinado o contrato, será de 2 meses.
Os traballos a realizar consistirán no varrido inicial da superficie dos camiños, a mellora da capa de rodadura mediante asfaltado e a elevación das tapas de rexistro existentes. Cada unha das fases do plan de asfaltado e mellora de camiños ten un prazo de execución de 2 meses.
Esta non é a única actuación que realizará o Concello de Vilagarcía nos vindeiros meses para mantemento e mellora dos camiños municipais. De feito, nos vindeiros días tamén se sacar´`a a licitación a primeira fase do Plan, que prevé actuacións por importe de 100.000 euros máis.
Os camiños nos que se vai a actuar, tanto na primeira como na segunda fase do plan, precisan dunha intervención debido ao desgaste da actual capa de rodadura, a afundimentos ou á presenza de fendas ou fochas. Os traballos aproveitaranse para ensanchar os camiños naquelas zonas onde se levaron a cabo retranqueos para axustar á vía ás aliñacións previstas no PXOM, mellorando así as condicións da calzada e aumentando a seguridade viaria.