EDUCACIÓN
Educación leva aos institutos un espectáculo para dar a coñecer a “Rosalía de Castro en 4 cancións e 4 poemas” A Concellería de Educación do Concello de Vilagarcía tamén se suma aos actos conmemorativos do nacemento de Rosalía de castro, o 24 de febreiro. Con motivo desta celebración, o departamento que dirixe Argimiro Serén, programou unha orixinal actividade para os centros de Secundaria do municipio. Trátase dun espectáculo poético musical protagonizado por Dani Barreiro a través do cal a alumnado afondará na vida e na obra da autora de “Cantares Gallegos”.
18.02.2020.- O espectáculo chega mañá, 19 de febreiro, aos institutos Miguel Ángel González de Carril (ás 9.50 horas) e ao Bouza Brey (ás 12 horas), e o xoves 20 ao Armando Cotarelo e ao castro Alobre. En todos os casos, a actividade está dirixida a alumnado da ESO.
O espectáculo que presenta Dani Barreiro semella unha breve viaxe a través da vida de Rosalía poñendo música e recitando 8 dos poemas máis representativos da súa obra. Trátase dunha experiencia interactiva de aproximadamente 40 minutos de duración na que se recitarán e cantarán poemas da autora, percorrendo os pasaxes máis importantes da súa vida dun xeito ameno e accesíbel. Os versos elixidos están relacionados co noso entorno, centrándose nas vivencias persoais de Rosalía e a súa obra literaria dentro do marco de Vilagarcia a a súa contorna.
Con este proxecto preténdese facer partícipe ao alumnado da importancia, transcendencia e repercusión da obra de Rosalía de Castro dentro e fóra das fronteiras do noso país, así como dar a coñecer a faceta máis reivindicativa da autora, tanto no aspecto feminista como no da identidade da patria galega.