CULTURA
A inscrición no programa de novos valores do Clasclás medra un 30% con 284 candidatos dos cinco continentes O pasado venres 14 de febreiro ás 24:00 horas, pechouse o prazo para a inscrición no Programa de novos valores internacionais (Young Artist Program-YAP) do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía, o Clasclás 2020, cun resultado moi positivo.O número de inscricións recibidas incrementouse preto dun 30% respecto á edición anterior, chegando nesta ocasión ás 284 solicitudes de participación, tanto de músicos individuais como de diferentes tipos de ensembles (dúos, tríos e cuartetos). A organización do evento que promove o Concello de Vilagarcía destaca tanto a gran acollida que o YAP está a ter por parte de músicos noveis dos cinco continentes, como do gran do nivel que presentan os aspirantes, e que contribuirá igualmente a continuar elevando o listón do certame que se desenvolverá do 1 ao 10 de xullo.
17.02.2020.- O maior número de solicitudes recibidas para participar no YAP corresponde á especialidade de Violín, con 57 inscricións, seguida de Viola, con 53 e Canto con 51. Violonchelo recibíu 37 solicitudes e Piano 34, seguidas de Clarinete con 17, Ensembles con 12 e Frauta con 11. Tamén se recibiron inscricións de Guitarra, Oboe, Fagot, Contrabaixo e Trompa, aínda que en menor contía que as anteriores.
O nivel artístico dos solicitantes vai paralelo ao número de solicitudes, xa que son varios os candidatos que obtiveron galardóns de primeiro nivel en varios concursos internacionais de renome e prestixio. Por outra banda incrementouse tamén o número de países de procedencia dos aspirantes, que abrangue xa os cinco continentes. España encabeza nesta ocasión o número de solicitantes, seguida de EEUU. O número de participantes galegos tamén ascendeu, o que resulta moi importante para a organización do festival, que desexa chegar cada vez máis aos novos artistas da nosa comunidade.
Cumprido o período de inscrición, o seguinte paso de cara á organización do Clasclás será a selección dos participantes no YAP, labor que realizará o equipo artístico do festival. Os xóvenes músicos seleccionados para este programa formativo serán, xunto cos mentores, os músicos que protagonicen os numerosos concertos que se desenvolverán en Vilagarcía entre o 1 e o 10 de xullo no marco do Clasclás, dos que o 80% son de balde co obxectivo de achegar á música clásica ao conxunto da cidadanía.