EMPREGO
O Concello propón a contratación de 15 preceptores da RISGA para mantemento de infraestruturas e zonas verdes A Xunta de Goberno Local acordou solicitar a colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para contratar a desempregadas preceptoras da renda de integración social (RISGA), no marco das políticas que a administración local leva a cabo para loitar contra o paro e axudar aos colectivos máis vulnerables. A intención do Concello é contratar durante 9 meses a 15 persoas en risco de exclusión para a realización de labores de mantemento, conservación e acondicionamento de infraestruturas e zonas verdes municipais.
12.02.2020.- O custe total do proxecto elaborado pola Área de Emprego do Concello ascende a 210.459 euros, dos cales 154.637 financiaríanse coa subvención demandada e os 55.822 restantes con cargo aos fondos municipais. En base aos criterios establecidos pola Orde que regula a concesión destas subvencións, a achega do Concello debería ser menor, porque os contratos previstos son a xornada parcial do 75%. Maila isto, goberno local decidiu aportar máis cartos para mellorar as condicións dos contratos e convertelos en xornada completa, co que o traballador percibirá un salario máis elevado.
Os 15 contratos propostos correspóndense á categoría de peóns e distribuiranse en 4 Peóns de Obras públicas, 7 Peóns Traballadores de Conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos e outros 4 Peóns Forestais. Os traballadores incorporaranse aos servizos municipais correspondentes e realizarán labores de acondicionamento, reparación e conservación de infraestruturas, edificios e mobiliario urbano municipal, traballos específicos de recuperación de espazos medio ambientais, e mantemento e coidado de edificios e instalacións municipais.
Este programa persegue dous obxectivos. O primeiro favorecer a integración socio laboral de persoas desempregadas que se atopan en risco de exclusión e o segundo reforzar o plantel de determinados servizos municipais encargados da execución de traballos de interese para a comunidade.
Requisitos
Os traballadores e traballadoras que se contraten deberán ser en todo caso persoas perceptoras da Risga e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral e os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.