MEDIO AMBIENTE
O persoal de Xardíns comeza a poñer as trampas contra a procesionaria nos piñeiros do Castriño O Servizo Municipal de Xardíns adiantou este ano a colocación de trampas contra procesionaria debido a que xa se empezou a detectar a presenza destas larvas no parque do Castriño. Os traballos comezaron por esta zona verde e consisten en aplicar a determinada altura do tronco das árbores unha franxa dunha substancia adhesiva non tóxica na que os vermes quedan pegadas ao tratar de descender ao chan, onde resultan perigosos para as persoas que as toquen, e especialmente,para os cans debido ós efectos urticantes que provocan co contacto. Este mesmo procedemento de trampeo realizarase nos piñeiros dos parques da Concha e Compostela, segundo as indicacións dadas polo concelleiro de Medio Ambiente.
06.02.2010.- Esta cola especial aplícase nunha franxa do tronco, fora do alcance da man dunha persoa, de xeito que as larvas, ao baixar dos niños que constrúen nas copas dos pinos, queden pegados nela. A cola aplícase manualmente con brochas, e de xeito rápido, polo que as trampas estarán listas nos tres parques nos vindeiros días.
Hai uns días que se detectou a presenza da procesionaria na zona do Castriño, algo máis cedo do habitual, xa que a eclosión deste verme soe producirse xa avanzado o mes de febreiro e en marzo. Tras eclosionar os ovos dos niños construídos nas copas de piñeiros e cedros, as larvas descenden polo tronco para buscar un lugar no que enterrarse e pasar baixo terra o estado de crisálida antes de converterse en bolboreta. No estado larvario, os vermes teñen uns filamentos recubertos dunha substancia que, ao contacto coa pel, produce urticaria. Nos humanos pode resultar molesto e incluso perigoso en persoas alérxicas, e tamén reviste gravidade no caso dos cans.
O departamento de Xardíns tamén iniciará estes días a aplicar un tratamento especial antifungicida aos buxos existentes nos parques públicos da cidade. A medida recomendada pola estación fitopatolóxica do Areeiro pretende previr a aparición de pragas de fungos, especialmente despois de tanta chuvia. Estes fungos atacan as partes leñosas as árbores, debilitándoas e facéndoas enfermar, con consecuencias que poden chegar a matar o exemplar ou a volvelo tan fráxil que pode supor un risco para as persoas e bens, ao aumentar as posibilidades de rotura e desprendementos de polas.