EDUCACIÓN
O Consello Escolar Municipal aborda as propostas de xornada única no IES de Carril e de cambio horario no transporte de Rubiáns O Consello Escolar Municipal de Vilagarcía quedou constituído o martes pola tarde coa nova composición tras renovarse os cargos como consecuencia das pasadas eleccións municipais. Na primeira sesión, presidida polo concelleiro de Educación, Argimiro Serén, elixiuse como vicepresidente ao profesor Germán Torres de Aboal e constituíronse as comisións establecidas no regulamento do órgano e tratáronse os temas expostos pola comunidade escolar: o cambio do horario lectivo no IES Miguel Ángel González, e o adianto do horario do transporte escolar no CEIP de Rubiáns.
06.02.2020.- O novo Consello Escolar abordou a iniciativa da ANPA do IES de Carril para implantar a xornada continúa. Propoñen ampliar os horarios de mañá para compensar as horas lectivas que se dan pola tarde e que pretenden eliminar. Tras escoitar as diferentes membros do Consello, que explicaron que este tipo de propostas, que teñen que ser aprobadas pola Consellería de Educación, deben partir dun acordo do Consello Escolar do propio centro e requiren o informe da empresa de transporte escolar, que tamén tería que variar os seus horarios, así como o informe da Inspección educativa. Por iso, acordouse que a proposta someterase á votación do Consello escolar do instituto para iniciar o procedemento correcto para solicitar a implantación da xornada continua.
Tamén chegou ao Consello Municipal a problemática que padece o colexio de Rubiáns debido ao desaxuste entre o horario do transporte escolar e o servizo de comedor, desaxuste que apenas deixa tempo ao alumnado para almorzar. O Consello entende que o asunto, que ixa hao meses chegara ao Pleno dio Concello obtendo respaldo da Corporación, debe ser atendido pola Xunta dado que ten unha motivación obxectiva: cambio de circunstancias tras a entrada en funcionamento do servizo de comedor. Independentemente da solución provisional que se lle poida dar dende a administración autonómica, o Consello determinou a necesidade de solicitar que a Xunta inclúe os novos horarios no novo contrato da concesión do transporte escolar.
Na primeira sesión do Consello Escolar Municipal tamén se aprobou composición da comisión permanente do órgano, e as específicas Planificación, Equipamentos e Pedagóxica. Estas últimas teñen como función traballar de xeito sectorial as propostas, necesidades ou problemáticas que vaian xurdindo na comunidade educativa de Vilagarcía.
O Consello Escolar Municipal é órgano de carácter consultivo que ten como obxectivo favorecer a participación da totalidade da comunidade educativa e trasladar e asistir á Corporación Municipal en temas do seu ámbito de actuación. Está integrado por 30 representantes do profesorado, alumnado, sindicatos educativos e ANPAS dos centros escolares de Vilagarcía.