CONCELLO
O Orzamento para 2020 eleva o gasto social nun 6,2% e prevé investimentos por importe de 2 millóns de euros O Concello de Vilagarcía disporá en 2020 dun presuposto consolidado de 29.809.895 euros.O goberno municipal de Vilagarcía presentou hoxe o proxecto orzamentario que ten como principais características o incremento do gasto social nun 6,2% respecto ao exercicio anterior e que destina 2 millóns de euros á execución de investimentos, entre os que destacan os 680.000 euros reservados para a ampliación da piscina municipal, os 100.000 euros para a adquisición dun local para crear un Punto de Encontro Familiar ou os 200.000 para o primeiro pago da compra do inmoble do Casino. Trátase dun orzamento que cumpre a regra de gasto e os principios de equilibrio e suficiencia financeira.
04.02.2020.- O alcalde, Alberto Varela, definiu o proxecto como un documento “realista, tanto no apartado de ingresos coma no de gastos, no que se garante un nivel de investimentos suficiente para permitir o progreso da cidade sen incrementar a presión fiscal, un presuposto que prioriza o gasto social, que reflicte o compromiso do executivo socialista cos traballadores municipais, e que nos permite continuar desenvolvendo o noso proxecto de cidade e cumprir os compromisos programáticos”.
No apartado de ingresos a maior fonte provén dos recursos propios, principalmente impostos e taxas. Por esta vía obtéñense 17.020.700 euros, aínda tendo en conta a conxelación xeral de taxas e a redución do tipo impositivo do IBI aprobadas polo executivo socialista nos últimos cinco anos co obxectivo de reducir a presión fiscal aos contribuíntes durante os momentos máis difíciles da crise. As principais partidas deste apartado correspóndense as impostos directos (10.588.888 euros), impostos indirectos (401.359), taxas, prezos públicos (6.020.485) e ingresos patrimoniais (9.963).
A segunda vía máis importante de ingresos son as transferencias correntes procedentes doutras administracións, cuxa previsión suma 10.844.302 euros.
No apartado de gastos, as principais partidas son as de bens correntes e servizos (11.782.821 euros), Persoal (11.451.963) e Investimentos (2.078.563, dos cales 734.264 euros fináncianse con recursos propios e os 1.700.000 restantes mediante un préstamo).
Os custes relativos aos bens correntes e ao funcionamento e prestación dos servizos son os que levan a partida máis grande do gasto, debido ao propio custe dos mesmos e tamén á intención do goberno de continuar ampliando servizos e mellorando a súa calidade.
Dende o primeiro día e xa no anterior mandato o goberno comprometeuse cos traballadores do Concello, que perderan capacidade adquisitiva debido aos recortes impostos polo PP durante a crise económica. Un compromiso que neste presuposto se traduce no incremento salarial do 2,2 % aprobado polo Estado, máis na previsión de financiar o 50% do custe da RPT, na recuperación das achegas ao Plan de Pensións e tamén na mellora dos medios materiais para facilitar a súa labor e que poidan prestar o mellor servizo á cidadanía.
Máis fondos para comercio, axudas ao estudo e persoas maiores, entre outras Ademais, no Orzamento refórzanse determinadas áreas ou programas con maior dotación económica, o que lles permitirá ampliar as súas respectivas liñas de actuación e poñer en marcha novas iniciativas. Por exemplo, Turismo contará este ano con 47.805 euros máis que no anterior exercicio, Promoción Económica con 45.879, a partida para feiras e comercio é unha das que maior aumento rexistra, con 124.581 euros, mentres que Xuventude e Saúde e Consumo ven como engordan os seus presupostos con 36.085 e 28.000 euros máis respectivamente.
Outras áreas ou servizos aos que se lles aumenta a dotación orzamentaria a trave´s dos presupostos de 2020 son Cultura (60.393 euros máis), festas (31.500), Conservatorio (31.077), Patrimonio (29.000), Biblioteca (17.985), Escola de Música (26.801), Igualdade (22.372), Maiores (16.550) SPAD (23.417), Preescolar (Escola infantil municipal e Galiñas Azuis con 27.272 euros máis que o ano anterior), Cemiterios (18.182) e Bolsas de estudo (20.000 máis).
PLAN DE INVESTIMENTOS 2020
Ademais, das actuacións antes indicadas, o Plan de Investimentos para o ano 2020 inclúe partidas para a adquisición de maquinaria para o parque móbil Servizo Obras, Vías Públicas (190.530 euros), sistemas de Comunicación, chalecos, fundas, radar pedagóxico para a Policía (145.200), implantación de sistema de sistema de control en vía peonil (63.000), remodelación do skate do Cavadelo (50.000), acondicionamento de vestiarios do campo fútbol Bamio (43.000), redacción proxectos de obras (150.000), actuacións de accesibilidade (100.985, sen contar o que se proxecte en toda obra nova), praias (36.500 euros), demolición edificio Rodrigo Mendoza (30.000), saneamento Rúa Miramar (20.652, sen contar as renovacións de saneamentos previstas en todas as obras novas), elaboración proxecto para a posta en valor dos petróglifos (15.000), nova carroza para os desfiles das festas (35.000), maquinaria para servizo Xardíns (18.000), mobiliario urbano (18.000), cámaras seguridade Sala Rivas Briones (3.500), hardware e software para diversos servizos municipais (69.000), traballos do PXOM ata aprobación inicial (27.500) e outras como as achegas a Obradoiros de Emprego, instalación sistema de climatización e demais.
NIVEL DE ENDEBEDAMENTO
Con estes números e incluído xa o novo préstamo, o nivel de endebedamento do Concello situaríase no 23,7%, un nivel moi baixo, moi lonxe dos topes do 75 e do 110% aos que permite a lei chegar para seguir concertando créditos libremente, ou, no segundo caso, previa autorización das administracións superiores.
Contabilizando o préstamo, a débeda viva sería de 5.634.914 euros, cantidade xa de por si moi razoable, e que ao final de ano reducirase considerablemente tendo en conta que en 2020 está previsto amortizar 1.034.779 euros.
Recóllense propostas da oposición
O alcalde comentou que no orzamento recóllense varias propostas realizadas pola oposición, “unhas porque xa as tiñamos previstas nós, outras porque son iniciativas comúns e algunha porque encaixa nas nosas políticas”. A realización de campañas de protección animal e de recollida dos excrementos dos cans, a remodelación da pista de skate, as destinadas á memoria histórica ou aos petróglifos, ou a instalacións dos sistemas de control de tráfico, son algunhas delas.
O rexedor defendeu o documento asegurando “son uns bos orzamentos que permitirán a Vilagarcía seguir progresando, que prestan atención aos colectivos máis vulnerables, que permitirán mellorar a os servizos e a calidade de vida dos vilagarciáns e que, ademais recollen propostas da oposición”. Por todo isto, Varela dixo que “deberían contar co apoio de todos partidos”.