OBRAS E SERVIZOS
Adxudicada a obra de renovación da cuberta do pavillón de Faxilde O procedemento de licitación da obra de renovación da cuberta do pavillón de deportes de Faxilde resolveuse esta mañá co acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local adxudicando a actuación á empresa Degalle Construcciones S.A. por importe de 55.439,9 euros (IVE incluído). A oferta desta empresa resultou a máis valorada entre as sete propostas que concorreron ao concurso, tanto en termos económicos, ao ofrecer unha rebaixa de 1.715 euros respecto ao prezo de licitación, como en melloras na obra, ao incluír a maiores das actuacións especificadas nos pregos, a colocación dunha banda impermeable autoadhesiva máis e mellorar o acabado da cuberta.
03.02.2010.- A renovación da cuberta do pavillón de Faxilde foi unha das obras priorizadas polo goberno local no marco do Plan de Mellora das Infraestruturas deportivas que se está a levar a cabo, debido ao uso intensivo que se lle da á esta instalación tanto por parte da comunidade escolar, como a través das actividades da propia Fundación municipal de Deportes, como das dos clubs autorizados, que adestran e compiten nestas instalacións municipais.
A actuación a levar a cabo resolverá os problemas de filtracións de humidade e auga que sofre o pavillón debido ao mal estado no que se atopa a antiga cuberta, moi deteriorada polo paso do tempo. De feito, aínda que edificio si que foi obxecto de diversas melloras interiores dende a súa construción en 1977, nunca antes se procedera á substitución total da cuberta.
Os traballos que se van a levar a cabo eliminarán por completo as filtracións de auga e humidade que está a padecer a instalación e tamén permitirán mellorar o illamento acústico e térmico das mesmas. A actual cuberta de chapa metálica substituirase por outra a base de dobre panel sándwich, con recheo intermedio de escuma de polieuretano, e cun sistema de ancoraxe máis seguro e que evita filtracións.
O proxecto prevé tamén a substitución das láminas de policarbonato que permiten o acceso da luz natural ao interior, así como a reparación ou substitución dalgunhas das baixantes que están moi deterioradas e provocan filtracións cara o interior do pavillón. As humidades non so deterioran o edificio, senón que supoñen un perigo para os deportistas polo risco de caídas por escorregamentos.
Unha vez que a adxudicataria presente a documentación pertinente e asine o contrato, disporá dun prazo de 2 meses para executar a obra.