CULTURA
As “Arquifeituras” de Adolfo Barcia invitan a reflexionar sobre a habitabilidade na mostra da Sala Rivas Briones A Concellería de Cultura inaugura esta tarde unha nova mostra na Sala Rivas Briones, Trátase de “Arquifeituras”, unha exposición na que o artista plástico Adolfo Barcia invita a reflexionar sobre os hábitats e os diversos xeitos de habitar un espazo a través da forma arquetipo da casa. Partindo do concepto de arquitectura, a mostra recolle 36 obras, principalmente escultura, pero tamén algunha instalación, pintura e fotografía, creadas ao longo de diversos anos, pero que manteñen un único fío condutor. A mostra inaugúrase ás 20:30 horas de hoxe, 31 de xaneiro e poderá visitarse ata o 11 de marzo.
31.01.2020.- Licenciado en Belas Artes, na especialidade de Escultura, pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Adolfo Barcia (Soutomaior 1975) combina a súa faceta creativa coa ocupación de profesor e xefe do departamento de Debuxo no IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa.
A súa obra caracterízase pola diversidade de materias e técnicas que utiliza, o que queda patente en “Arquifeituras”, con obras diversas nas que xoga con materias primas como a madeira, os metais, a pedra e mesmo a area e a cinza; e mestura técnicas como o mecanizado, o repregado ou a soldadura. Ademais, complementa a faceta escultórica con pintura e fotografía, creando, en ocasións, composicións que combinan dúas e ata tres xéneros nun mesmo conxunto artístico. Inspirado en figuras da mitoloxía, destacan pezas como “Sísifos”, que utiliza a arte como elemento para a reflexión fiolosófica.