EDUCACIÓN
Douscentos cincuenta alumnos de infantil reciben as axudas á escolarización concedidas polo Concello para este curso Un total de 250 nenos e nenas de Vilagarcía matriculados en centros de Educación Infantil no presente curso escolar recibiron as Axudas Municipais á Escolarización que concede o Concello de Vilagarcía. Na última Xunta de Goberno Local do ano deuse conta da resolución das dúas quendas nas que se convocaron as axudas destinadas a aliviar o gasto que afrontan as familias ao inicio do curso e a favorecer a conciliación, e ás que o Concello destinou un total de 15.000 euros a través dos orzamentos das concellerías de Educación e Servizos Sociais.
24.01.2020.- A axuda que recibe cada alumnos ascende a 60 euros para a compra do material escolar que piden os centros ao inicio do curso. Aínda que a escolarización non é obrigatoria na etapa Infantil, o goberno socialista considera que esta é unha medida imprescindible para un mellor desenvolvemento do neno tanto a nivel educativo como social e persoal, ademais de ser unha medida necesaria en moitos casos para a conciliación laboral. De aí que fomente a escolarización nesta etapa ofrecendo estas axudas que se conceden tendo en conta o nivel de ingresos da unidade familiar, a computar segundo a declaración da Renda relativa ao último exercicio. As axudas están destinadas ás unidades familiares de convivencia residentes e empadroadas no Concello de Vilagarcía de Arousa con menores matriculados nas etapas 1ª e 2ª de Educación Infantil (de 0 a 6 anos), nos centros de ensino sostidos con fondos públicos e nas Escolas Infantís autorizadas de Vilagarcía de Arousa.